31 mar. 2016

Balance xunteiro


  • Cousas que nos gustaron?
- Reunións presenciais (consideramos que 4-5 ao ano é un bo número).
- Ter a asociación na cabeza. Sentir que estás no corazón da asociación.
- XD é un equipo no que cada quen ten unha función e se van complementando.
- Pensar e organizar actividades lúdicas e de cara a dar a coñecer o grupo de XD á asociación.
- Actividades propias de XD como o informe de erros.
- Reunións presenciais ou por skype para traballar algo en concreto como fixemos co informe de erros de planificación anual ou algún documento para revisar e votar en Asamblea Federal. Ou como estamos a facer este documento. (ademáis isto axuda a crear grupo)

Sí que foron divertidas as reunións da Xunta Directiva





  • Cousas que cremos que saíron ben

  • - Conseguimos cohesión como grupo (quizáis menos o último ano, ao facer algunha reunión presencial menos, por iso é tan importante facelas)
    - As asambleas estiveron ben levadas e ben preparadas.
    - Non sabemos se é parte do éxito noso, pero en todo caso o é de ESF e o poñemos: Vivimos unha etapa de motivación. De feito está sendo cada vez más fácil atopar relevos incluso cuns meses de antelación.


    • Cousas que cremos que non saíron ben ou que son mellorables. ¿Porqué?-
    - Traspasos. Non sempre se fixo un bo acompañamiento á xente que entrou nova. Plantéxase mellorar o documento de traspaso e a posibilidade de facer un oficial para publicar e que a xente saiba as funcións e outro con máis detalle para a persona que asume o cargo.
    - Actividades organizadas on line, organizar mellor: informe erros, formulacións, xustificacións, … ¿Cómo mellorar? Organizar en pasos por tempos este tipo de actividades. Quedadas por skype para traballar en algo ou facer reunións presenciais de traballo. Facer unha pequena explicación do que é a formulación e a xustificación, ou unha explicación dos pasos que conleva.
    - Fomentar que todo o mundo esté en un grupo telegram (fomentar a inclusión tecnolóxica en xeral e de Roget en particular).
    - Plantéxase que nas últimas asambleas non hubo suficiente debate. Se non o hai quizáis debería fomentarse. Máis ben se iniciaron debates pero non se finalizaron ou non se avanzaron o suficiente. Aínda que non se remate con consenso, deberíamos tratar de avanzar os debate con algunos puntos en común ou unha serie de distintas opiniones definidas.
    - Non tivemos o suficientemente presente a Planificación Estratéxica na planificación. A súa evaluación intermedia axudará a tela más presente a partir de agora.

    Aquí estamos a actual Xunta Directiva case ao completo, só falta Pablo, que estaba on-line. Á dereita, Andrea, Isa e Roget, aos que aínda lles queda un ano neste grupazo.


    • ¿Cómo nos sentimos?
    - “Coñecer a XD dende dentro foi unha grata sorpresa en canto á dinámica divertida do grupo. A nivel persoal, o feito de coller a vogalía de EpD con moita ilusión, e despois non ter o tempo suficiente para desenvolver as expectativas creadas, supuxo bastante frustración en min. Teño que agradecer o apoio prestado inicialmente polo anterior vogal Tomás, por Paola e Sergio en todo momento, e o apoio e comprensión do resto da XD actual e en especial da presidenta Marta” (Roget).
    - “Disfrutei moito deste período e aprendín un montón, aínda que nalgún momento botei de menos adicarlle máis tempo. Estou contenta cos grupos de XD que compartín, co traballo feito tanto con ela como con toda a base social de ESF coa que traballei nestes anos. Resultoume máis fácil do esperado ter a asociación na cabeza. Vouno botar de menos.”(Marta)
    - “Emocionante por unha parte e por outra parte rabia por non poder terlle prestado a atención que me tería gostado” (Miguel)
    -”Vouno a votar de menos. Ainda que a veces a sensación de querer facer mais poida agobiar. Moi contento.  Disfruteino moito” (Dani-vice)
    - “Contento en liñas xerais. A situación económica da asociación é boa. Pena de non ter asumido esta responsabilidade noutro momento vital con máis tempo para estar implicado na asociación.” (Pablo)
    - “É difícil ao principio asumir responsabilidades en Xunta porque ao mesmo tempo non queres deixar colgadas as actividades que facías antes (en concreto nos grupos de proxectos cando se pasa ao cargo de vogalía de PICD), e dá a impresión de que non se dá abarcado todo” (Isa e Víctor)
    - “Foi unha experiencia moi gratificante e vivida con moita ilusión, na que aprendín moito a nivel de ESF e persoal. Si que é verdade que se deixa cunha sensación de non ter feito todo o que un quere ainda que dende o meu punto de vista isto crece canto máis implicación lle dedicas ao grupo polo que dalgúns xeitos esa sensación tamén se pode decir que é un aspecto positivo.” (Dani-secre)

    30 mar. 2016

    Dous anos en Xunta Directiva

    O título deste post quere recordar a aquel famoso filme titulado ''7 anos no Tíbet'', inspirado á súa vez nun fulano que efectivamente pasou 7 anos no Tíbet. Efectivamente, este post tamén está inspirado por alguén que pasou 2 anos na Xunta Directiva.

    Ainda que Xunta Directiva habitualmente parece algo moi serio, nada que se abrevie como XD pode ser moi serio, e así é neste caso. Tal vez sexa por iso que sexa coñecida entre nós como Xunta Divertida.

    A miúdo pensamos que entrar na XD (non me digades que non é gracioso abrevialo así) é unha carga de traballo, un agobio, un marrón (atribuíndolle inxustamente a esta bela cor unha carga negativa). Pero nada mais lonxe da realidade. Para min, estes dous anos na XD fixéronme madurar e crecer como persoa, aprender a asumir responsabilidades, aceptar retos e sentirme orgulloso deles. Tamén aprendín moitas pequenas cousas que me fixeron un pouco mais sabio e que na vida seranme e xa me son moi proveitosas. E agora vouvos contar todo isto pormenorizadamente indo do mais pequeniño ao mais grande que a Xunta Divertida me aportou.

    En primeiro lugar, estar en XD mola en diversas situacións sociais. ''Miguel, queres quedar mañá para tomar unhas cañas?'' ''Non podo tío, teño unha reunión de Xunta Directiva''. Ou tamén: ''E ti que fas na asociación esa?'' ''Nada, estou aí en Xunta Directiva''. Nin falta fai que diga o moito que se liga con iso.

    Despois, deixas de estar en XD, co cal cobras un aura de vella gloria que ven a amplificar as vantaxes descritas no anterior parágrafo.

    Por outra parte, aprendes moito sobre como funciona unha asociación sen ánimo de lucro como o é ESF: aprendes sobre como funcionan as subvencións, as institucións, e aprendes sobre o teu eido de traballo, e isto á súa vez equivale a unha formación, como a que podes recibir nun curso, nun curso dos bós, pero sen pagar nada. As vantaxes que isto pode ter para a vida de cada un son enormes, e van dende o traballo (aprender a traballar en equipo, aprender a aguantar dúas horas poñendo cara seria, maneiras de estimular e coordinar grupos de traballo, ferramentas para a comunicación... Etc.) ata a vida cotiá.

    Nembargantes, estas non deixan de ser pequenas vantaxes contextuais, cousas pequeninas. Estar na XD apórtache algo mais, algo que non ten prezo, que che fai medrar como persoa e marca un antes e un despois.

    A XD é o corazón de ESF. Non é un grupo que dirixe. Se chama así porque estamos legalmente obrigados a especificar uns cargos de Xunta Directiva, mais na práctica non hai tal cousa. A XD é un grupo de persoas que se encargan de ir lembrándolle aos grupos cousas necesarias para levar a cabo as actividades que facemos, que nos caracterizan e que nos encantan. Cada membro da XD é como o motor dalgún eido da asociación: A comunicación, a EpD, os proxectos, tesourería... Etc. E dentro da XD, presidencia e vicepresidencia son como o motor do grupo, polo cal estes dous cargos son como o motor dese corazón. Corazón que funciona cun combustible que son as ganas de traballar, de facer cousas e de cambiar o mundo que ten a base social.

    Así, base social e XD son interdependentes, retroaliméntanse e precísanse mutuamente.

    E, ainda que pareza unha loucura, funciona.

    E dentro deste increíble mecanismo que vos describo estiven eu metido 2 anos, coñecendo persoas incribles que non só me aportaron moitísimo, senón que sei que gracias a ter compartillados con eles estes dous anos seguiránme aportando durante ainda moitos anos.

    Que menos que dicir que estes dous anos me fixeron confiar en que unha asociación que busca mellorar as cousas neste pequeno mundo baseándose no voluntariado é posíbel. Pero xa non é só iso.

    Cando agora lembro a sensación que tiña cando entrei en XD, lembro como me daba medo asumir aquela responsabilidade, como me custaba pedir axuda cando era preciso e como me raiaba polo que non era capaz de facer. Estes dous anos fixéronme entender que non sempre podemos dar conta de todo, que todos nos equivocamos e que todos temos que aprender e pedir axuda a veces, e que o do medo á responsabilidade, e tal vez isto sexa o mais importante de todo, é só un fantasma. Despois da cada cousa que tiven que facer, sempre pensei ''pois vaia tontería se só era iso!''

    Dende o principio que coñecín ESF, esta asociación da que non esperaba gran cousa sorprendeume continuamente, sempre sobrepasando as miñas expectativas, sempre desbordando o esperable e mostrando que cousas que a lóxica diría que son imposíbeis, son posíbeis.

    Porque resulta que neste cantiño do mundo hai un grupo de persoas que se queren moito e que queren cambiar as cousas, e eu, gracias a estes dous anos, sínto mais que nunca que ese cantiño é o meu lugar, é que ese grupiño, é o meu grupiño.

    22 mar. 2016

    Un poema polo Día Mundial da Auga

    Con tempo recopilando poemas galegos que canten á auga constatamos que son inmumerables. Adicados os ríos, regatos e fontes, a chuvia, o mar e as brétemas.

    Mais casualmente atopei onte nun recuncho da vila de Guitiriz, o Gaibor, colgado nunha parede, un poema da escritora galega Marica Campo, que tivo a xenialidade de combinar auga, vida e amizade.

    Pra que o día da auga sexan todos; e da vida, e da amizade e, coma onte, das árbores e os montes.


    Manifesto na Auga e na Amizade

    Tripulantes da nave da amizade,
    a vós falo,
    é o tempo
    de facernos coas mans inmensa cunca
    e recollermos pinga a pinga a vida.
    A vida que é a auga, o leite dos penedos que nos une,
    a forza das mareas, a chuvia e mais a neve,
    os ríos que fecundan, as fervenzas,
    as fontes curadoras, os regatos,
    as bágoas dos vencidos,
    as suores,
    os líquidos amnióticos do mundo.

    Velaí vén en tromba, vén en zume,
    é froito, é vexetal, derriba os muros,
    une pobos e terras, non separa,
    molla a lingua de cuspe, as palabras de noso,
    para dicirnos "irmandade de auga",
    "irmandade de soños", "porvir para a esperanza".

    Aquí, ao país dos mil rios,
    á Galiza das fontes,
    chegou a vosa nave por camiños diversos.
    A vella e nova Grecia 
    con noticias daqueles que acharon os camiños 
    do pensamento alto, da arte berce inmenso.
    Da Alemaña de poetas, pensadores e música.
    Flamengos que defenden rexamente unha lingua.

    Aquí estamos nós,
    resistindo e loitando,
    recuperando voces,
    buscando a primavera .

    Ha vir, virá,
    e terá de auga o rostro.
    Será como un espello onde mirarnos xuntos, 
    alí vos convocamos entre flores e bicos.

    Marica Campo

    21 mar. 2016

    Vindeira Xuntanza en Lugo

          Comprácenos anunciar que a esperada xuntanza de primaveira deste ano xa está aquí! Para ser exactos, a finde do 2, 3 e 4 de abril! E esta vez con varias sorpresas especiais: En primeiro lugar, a pesar de ser Vigo a sede organizadora, nun inesperado, orixinal e xenial xiro, esta xuntanza terá lugar en Lugo. Isto permitirá que a base social situada nesta cidade poida sentirse acollida pola asociación, ao tempo que se lles da a posibilidade de colaborar na loxística do encontro. Por outra banda, esta Xuntanza incluirá a renovación de varios cargos da Xunta Directiva, entre eles a presidencia e a vicepresidencia.

    Velaquí o emocionante programa desta xuntanza:
    • Venres tarde: Formación en Economía Esfeira
    • Sábado mañá: Obradoiro de Xénero e Obradoiro de Incidencia política
    • Sábado tarde: Asamblea de Persoas Socias
    • Domingo pola mañá: Paseo por Lugo e sorpresa
         O encontro terá lugar no albergue Lugo II, no cal ESF Galicia xa realizou Xuntanzas anteriormente. O enderezo do albergue é Rua Pintor Corredoira, 4, e sitúase en pleno casco urbano da cidade.

         Como se pode comprobar no programa, ainda hai mais sorpresas por desvelar, polo que non vos podedes perder este encontro da base social! Así que non dubidedes en inscribirvos neste formulario:

    https://docs.google.com/forms/d/1ZtzaYwOZHh4b-zbPqf1be4Az3JKwA24YxQCgvKdxCOc/viewform

         Esperámosvos nesta nova Xuntanza!!

    17 mar. 2016

    X Curso de Cooperación e Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano


    Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF Galicia) organiza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a décima edición do curso "Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano" que se desenvolverá no campus compostelán. 

    A través del perséguese mostrar unha visión global das causas e consecuencias da pobreza e da desigualdade no mundo e a necesidade de xuntar esforzos e adquirir un compromiso activo para poder combater esas situacións.  

    Tamén se quere amosar a importancia de pór a tecnoloxía e a enxeñería ao servizo do desenvolvemento das persoas en todo o mundo, inseparablemente do entorno cultural, político, social, económico e ambiental en que se empregan.

    Recoñecido con 2 E.C.T.S ou créditos de libre configuración (plans antigos)  para todas as titulacións dos campus de Santiago de Compostela e de Lugo.



    16 mar. 2016

    Habemus... PCR 2016!!

    Xa estan aqui os PCRs 2016, este ano convocáronse 3 prazas vinculadas aos grupos de proxectos internacionais de Auga e Desenvolvemento Rural (Agro) e 1 praza  PCR redes para participar en redes de traballo estatais de incidencia política e sensibilización, concretamente no Foro Mundial Acceso Terra e Recursos Naturais que se celebrará en Valencia.

    Tras un proceso de selección, as persoas elexidas para cada praza foron:

    Auga
    Irene González Veiga
    Miguel Pino García
    Suplente: Diego Pérez Fernández

    Desenvolvemento Rural
    Marcos Rial Docampo
    Suplente: María Teresa lópez Rodríguez

    Redes
    María José Enriquez Gracía


    Parabéns e moita sorte!!


    9 mar. 2016

    XUSTIZA PARA BERTA CÁCERES! QUE NON QUEDE IMPUNE. QUE NON SE REPITAN

    Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, por aprobación da súa Xunta Directiva con data 8 de marzo de 2016, así como a propia Federació Española de Ingeniería Sin Fronteras (da que formamos parte) por votación da súa Junta Directiva con data 9 de marzo de 2016, adherímonos aos seguintes manifestos de condena polo asasinato da activista hondureña de dereitos humanos Berta Cáceres:

    - MANIFESTO DO COMITÉ PARA LA DEFENSA Y DESARROLLO DE LA FLORA Y FAUNA DEL GOLFO DE FONSECA. Trátase dunha das organizacións socias de ESF en Honduras, tamén volcada na defensa dos dereitos humanos e o medio ambiente, e que tiña en Berta un referente de traballo.


    - COMUNICADO DA COORDINADORA DE ONGD ESPAÑOLAS EN HONDURAS, da que formamos parte e fomos socios fundadores.

    A continuación, deixámolos traducidos ao galego.


    MANIFESTO DO COMITÉ PARA LA DEFENSA Y DESARROLLO DE LA FLORA Y FAUNA DEL GOLFO DE FONSECA


    O Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF) ante o feito ocorrido á 1:00 da madrugada no municipio de Intibucá; onde homes armados irromperon na vivenda da nosa amiga, compañeira e líder indíxena nacional Berta Cáceres arrincándolle covardemente a vida maniféstase da seguinte maneira:
    PRIMEIRO: Que é inadmisible que as defensoras e os defensores deste país sigan sendo perseguidos, desposuídos e asasinados sen que a xustiza hondureña alcance aos asasinos.
    SEGUNDO: Que o goberno actual presidido por Juan Orlando Hernández súmase á lista de gobernos de outrora que non ofrece garantías aos defensores e defensoras da natureza senón que máis ben os condena e persegue.
    TERCEIRO: Pedimos á comunidade nacional e internacional que impoña sancións a este goberno xa que entrou en desacato ao incumprir a orde da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) que lle ordenou ao Estado de Honduras que adoptase medidas cautelares para previr danos irreparables en contra da vida de Berta Cáceres.
    CUARTO: Declaramos que este feito e calquera feito novo en contra dos defensores e defensoras de dereitos sociais, ambientais e humanos son responsabilidade directa do goberno de Honduras por negarnos o dereito á protesta, pola impunidade galopante coa que se manexaron os casos de violacións aos dereitos humanos e pola súa neglixencia en aplicar xustiza neste país.
    QUINTO: Declaramos a Berta unha muller heroína sen pretensións, que amou Honduras, que literalmente deu a vida polo seu pobo indíxena “Berta, o seu legado non o lograrán apagar con matala porque vostede xa deixou sementada a loita en todo Honduras, sentímonos orgullosos de vostede e bendicimos o ventre que lle deu vida”
    SEXTO: CODDEFFAGOLF declárase de loito. Honduras está de loito!, a consternación, o rexeitamento, o repudio é xeneralizado. Cando nos devolverán as nosas garantías? Cando volveremos sentirnos seguros neste país? Sen dúbida o día en que todas e todos os hondureños nos contaxiemos do espírito de Berta Cáceres e reclamemos o noso dereito á libre expresión, a vivir nun ambiente san e na Honduras que un día tivemos e da que temos saudade.
    SEPTIMO: Externamos o noso máis sentido pésame á súa nai, ás súas fillas, aos seus familiares, ao COPINH e a todas e todos os seus amigos.
    Quedamos con palabras memorables de Berta Cáceres ao recibir o premio Goldman o 20 de abril do 2015:
    “Nas nosas cosmovisións somos seres xurdidos da terra, a auga e o millo. Dos ríos somos custodios ancestrais, o pobo Lenca, resgardados ademais polos espíritos das nenas, que nos ensinan que dar a vida de múltiples formas pola defensa dos ríos é dar a vida para o ben da humanidade e deste planeta. O COPINH, camiñando con outros pobos pola súa emancipación, ratifica o compromiso de seguir defendendo a auga, os ríos, os nosos bens comúns e da natureza, así como os nosos dereitos como pobos. Despertemos! Despertemos humanidade! Xa non hai tempo, as nosas conciencias serán sacudidas por só o feito de estar a contemplar a autodestrución baseada na depredación capitalista, racista e patriarcal. A nai terra militarizada, cercada, envenada, onde se violan sistematicamente os dereitos elementais, esíxenos actuar. Construamos entón sociedades capaces de coexistir de maneira xusta, digna e pola vida. Xuntémonos e sigamos con esperanza defendendo e coidando o sangue da terra e os espíritos. Dedico este premio a todas as rebeldías, á miña nai, ao pobo Lenca, a Rio Branco e ás e os mártires pola defensa dos bens naturais. Berta Cáceres.
    Dado en San Lorenzo Valle, aos 3 días do mes de marzo do 2016

    ---------------------------------------------------------------------------------------------------------------

    MANIFESTO DA COORDINADORA DE ONGD ESPAÑOLAS EN HONDURAS

      A Coordinadora de Coordinadora de Organizaciones No Gubernamentales Españolas de Desarrollo en Honduras, CONGDEH, ante a opinión pública hondureña e a comunidade internacional, denuncia que na madrugada do día mércores 3 de marzo, foi asasinada a compañeira
    Bertha Cáceres, Coordinadora Xeral do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras, (COPINH).
    Mostrámonos completamente consternados por este feito que denota unha vez máis a alta vulnerabilidade e indefensión coa que traballan a favor da defensa dos Dereitos Humanos no país. Lamentamos profundamente que nin sequera o máis elemental dos dereitos a expresarse con liberdade e ter unha vida en paz sexa respectado e protexido.
    Desexamos manifestar todo o noso apoio e solidariedade co pobo indíxena Lenca e cos defensores e defensoras dos dereitos humanos que a diario arriscan a súa vida.
    Ante este feito, as Organizacións Españolas, presentes en Honduras manifestamos:
    1. A nosa repulsa ante este feito, o asasinato vil dunha muller defensora dos Dereitos Humanos e os Recursos Naturais, así como de todas as mulleres e das comunidades indíxenas Lencas de Honduras.
    2. A nosa condena aos numerosos atropelos que teñen lugar en Honduras contra a liberdade de expresión e os Dereitos Humanos, casos que quedan no anonimato e a impunidade.
    3. A nosa solidariedade cos compañeiros da Organización da Sociedade Civil COPINH e outras plataformas sociais coas que traballaba Bertha Cáceres.
    4. O noso sentimento humano e próximo nestes momentos de dor coa súa nai Sra. Austra Berta Flores, aos seus fillos: Marcela, Berta e Salvador e demais familiares.
    5. Desexamos como organizacións comprometidas co respecto dos  Dereitos Humanos que este caso se esclareza de inmediato e pasen a disposición xudicial os autores materiais e intelectuais do feito.

    COORDINADORA DE ONGS ESPAÑOLAS EN HONDURAS TEGUCIGALPA M.D.C. 3 DE MARZO DO 2016

    NOS  POBOS  LIBRES  O  DEREITO TEN QUE SER  CLARO….  NOS  POBOS  DONOS  DE SI MESMOS, O DEREITO TEN QUE SER POPULAR...!

    José Martí


    8 mar. 2016

    Fin de Semana de Tecnoloxía para as Persoas e Inventos Solidarios

    Maqueta de bomba de mecate
    A vindeira fin de semana colaboramos co Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) de A Coruña na organización do Fin de Semana de Tecnoloxía para as Persoas e Inventos Solidarios. Na propia axenda do MUNCYT pódese ver unha reseña, pero aquí vos deixamos máis cousas sobre o programa (non todo, que haberá sorpresas!!!!). O que si garantizamos é que vai ser moi movidiño...

    O venres será día de coles. Sábado e domingo, aberto a todos os públicos!! Por suposto, a entrada ao museo e os obradoiros serán de balde.


    Este é Max, pode ser que apareza por alí...


    En obradoiros paralelos que se irán repetindo durante a fin de semana, aprenderemos a facer unha bomba de mecate, filtros "máxicos" que convirten auga marrón en auga limpa, fornos solares e mesmo xoguetes caseiros. Non faltarán xogos e dinámicas, e tamén a reflexión sobre por que fan falta moitos destes "inventos solidarios", que non deixan de ser en ocasións parches para situacións moi comprometedoras para a calidade de vida das persoas (e onde a loita polos dereitos humanos e o ben común debe tomar o protagonismo, sendo moi conscientes de que a tecnoloxía pode paliar algo, pero sen deixarse adormecer por ela).

    Ademais dos obradoiros, tamén paga moito a pena aproveitar para ver o museo!

    Aquí tendes un vídeo do funcionamiento dun filtro, pero vese mellor en directo!!

    video


    E, a continuación, o programa. ESPERÁMOSVOS!!






    7 mar. 2016

    A tecnoloxía na globalización do capital e na homoxeneización cultural

    Compartimos un artigo máis da colección de reflexións multidisciplinares sobre Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, que desenvolvemos grazas a nosa base social e a cofinanciación do departamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Desta volta é Sergio Fernández quen nos comparte unha reflexión, sobre A tecnoloxía na globalización do capital e na homoxeneización cultural..

    Pódese descargar de aquí ou lela en liña a continuación:




    4 mar. 2016

    Resumo blogueiro: febreiro 2016

    Este mes, ademais, estamos de loito polo asasinato en Honduras da activista pro dereitos humanos Berta Cáceres. Noso socio CODDEFFAGOLF publicaba un manifesto sobre o tema que queremos compartir contigo.



        Dende o grupo de comunicación da Federación Española de ISF séguese a traballar na nova páxina web, que se espera esté operativa nas próximas semanas (e onde ademais vanse migrar os blogues). Ademais, o grupo de Incidencia Política comezou a súa andadura, poñendo en común propostas para os partidos políticos de cara a súa inclusión nos seus programas para as vindeiras Eleccións Autonómicas 2016, nos eidos da soberanía enerxética, desenvolvemento rural, software libre e dereito humano á auga. Se che interesa o tema, apúntate ao grupo! Tamén o grupo que se encarga do contacto coas Persoas Socias precisa novas persoas voluntarias para seguir mellorando o seu desempeño, buscando novos xeitos de implicación daquelas que pola súa circunstancia só queren ou poden pagar a cuota da asociación, pensando se é pertinente buscar estratexias para aumentar as persoas que paguen cuota para aumentar os fondos da asociación, etc.


    CONTIDOS

    • Blogue de Vida Asociativa
    • Blogue Honduras
    • Enlaces de interese
    • Publicacións en físico
    • E no próximo mes ...
    • A ESFrase do mes


    BLOGUE DE VIDA ASOCIATIVA

        No mes de febreiro atoparás primeiro unha recomendación e un comentario da lectura de dous libros de ciencia ficción sobre a crise enerxética. A continuación un anuncio das xornadas do 12 de marzo en Vigo sobre experiencias en Honduras e Togo - estás a tempo de inscribirte,son de balde!. A avaliación dos obradoiros da última Xuntanza de ESF tamén está online. Podes ler despois este artigo de reflexións sobre as tecnoloxías da información para as persoas. Por último dúas convocatorias: unha de emprego como representante de ESF en Honduras, e outra de 4 prazas para Proxectos de Coñecemento da Realidade. Aínda estás a tempo de presentarte a ambas!




    BLOGUE HONDURAS


        Este mes no blogue de Honduras podemos ver un vídeo a partir de fotos dos proxectos que realizamos dentro de programa de Dereito Humano á auga, cos nosos socios AHJASA e a Mancomunidade de Municipios NASMAR. Tamén poderemos ver os avances da FASE II deste programa en decembro (e xa está solicitada dende finais de xaneiro a FASE III para financiación a Cooperación Galega da Xunta de Galicia, cruzamos os dedos!!). No oiutro dos programas que temos en Honduras, o de Desenvolvemento Rural e Soberanía Alimentaria, facemos unha valoración do primeiro ano dende que empezamos o Convenio coa Axencia Española de Cooperación, traballando co noso socio habitual CODDEFFAGOLF, e en rede con VSF e Amigos de la Tierra España (e cadansúas organizacións socias hondureñas).





    ENLACES DE INTERESE


    Auga


    Comunicación para o (como) desenvolvemento



    Consumo responsable



    Cooperación e ONGD


    Educación para o desenvolvemento


    Iniciativas



    Investigación para o desenvolvemento 




    Mundo



    Políticas e modelos de desenvolvemento


    Sensibilización


    Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

    Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)


    Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


    Voluntariado e Persoas




    PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

    (se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

       Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas, e se che interesan estes temas tamén podes consultar o catálogo da biblioteca da Coordinadora Galega de ONGD, con moitos fondos que ceden para préstamo.

    Este mes:
    • ‘O Pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: O caso galego’ de Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio V. Carral Vilariño. Editorial Através


    E NO PRÓXIMO MES ...




        Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais FacebookTwitter.
     




    A ESF-RASE DO MES

    Na cola as personas non se ven cara a cara: son un colectivo porque todos ven ao mesmo, ao que da; as personas no se ven unas a outras. Na cola vives a vergoña de recibir pero non celebras que podes dar. Fernando Vidal. Las colas del Neoasistencialismo