26 dic. 2016

O noso apoio á campaña prosaharauí #EspañaNoDescoloniza

O Sáhara Occidental é un dos 17 territorios non autónomos recoñecidos polas Nacións Unidas. Está ocupado ilegalmente polo Reino de Marrocos desde 1976, pero o Reino de España segue a ser a potencia administradora do proceso de descolonización. Este mes de decembro de 2016 correspóndelle a España a rotatoria Presidencia do Consello de Seguridade da ONU, e a Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara (CEAS-Sahara) organiza a campaña #EspañaNoDescoloniza co obxectivo de que as autoridades españolas fagan uso do cargo e asuman as súas responsabilidades: introducir o debate da cuestión do Sáhara Occidental, fixar a data do referendo de autodeterminación do Pobo Saharauí e incluír a vixilancia do respecto aos Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados entre as competencias da MINURSO até a celebración do citado referendo.

Enxeñería Sen Fronteiras ten unha relación histórica coa causa saharauí e subscribe esta campaña, á que podedes acceder na seguinte ligazón: http://ceas-sahara.es/spip.php?article1388

Tamén vos recomendamos esta curtametraxe de animación, unha clara explicación do conflito do Sáhara Occidental: https://www.youtube.com/watch?v=fzsGYB4qF6U

Desexamos que pasedes unhas boas festas e que non esquezades o pobo "fillo das nubes", Sáhara libre!