3 nov 2016

O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa

A agricultura familiar alimenta o mundo. Tamén en Galicia. Así o refrenda o moi recomendable libro O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa.

É esperanzador que os autores, profesores que nos deron clase a moitas persoas de ESF na Escola Politécnica de Lugo, traballen nesta liña de "defensa académica" dunha agricultura tradicionalmente invisibilizada e ninguneada, pero que aínda hoxe segue sendo o referente da produción alimentaria no mundo. Tense falado moito do concepto de soberanía alimentaria, en xeral máis aplicando a países empobrecidos (como se aquí xa non houbera nada que facer e estiveramos nun proceso irreversible de muda cara o modelo extractivo agroindustrial), por iso aínda ten máis importancia este traballo. Porque pon a óptica no que temos cerca, no que coñecemos. Porque dase valor (con datos) a un traballo minusvalorado pola propia xente que traballa nel. E non só se lle da valor como medio de vida sustentable para moitas persoas, senon polo seu aporte ao ben común (protección de ecosistemas e servizos ambientais, paisaxes culturais e mesmo reforzo dun rural vivo e dunha distribución menos desigual das rendas). Iso si, o esforzo e "traballos" que hai que pasar para vivir de forma digna dunha explotación familiar non os imos descubrir agora, tampouco nos imos pasar de utópicos e neoruralistas. Pero a luz destes datos quizais o xeito de mellorar a calidade de vida de quen se adica a isto non sexa desmantelar esta agricultura familiar e apostar pola agroindustria e polo sector servizos con traballos precarios (e que tomen nota quen deseña as políticas públicas de desenvolvemento rural e agropecuario, en Europa e en Galicia...).

Algunhas ideas que se poden extraer do libro (o ideal é botarlle unha boa ollada e ir de adiante para atrás, vendo gráficos e dixerindo a información; na biblioteca de ESF Galicia no noso local de Coruña está por se queres consultalo):

  • Nas grandes explotacións industriais só traballa un 2% da man de obra e só producen un 4% das UTA. As pequenas explotacions labregas familiares acollen entre o 75% e o 90% das UTA e das persoas que traballan na agricultura.
  • Tamén chaman a atención datos de eficiencia produtiva por unidade gandeira ou por unidade territorial, así como produtividade por persoa, que non reforzan para nada iso de que "canto máis grande, mellor".
  • Chámase a atención sobre a posibilidade de aplicar un modelo máis extensivo, de cara á loita contra o abandono das terras (e con efectos tanto a nivel de sustentabilidade ecolóxica, pero tamén económica e social).
  • Cunha superficie dunhas 1,2 ha pódese subministrar alimento variado (practicamente cubrindo todas as necesidades) de cerca de 60 persoas. 
  • Séguese a adicar moito diñeiro público a reorganizar a estrutura territorial mediante concentracións parcelarias para adaptala ás máquinas e aos sistemas produtivos que nos veñen impostos (e que se adaptan moito peor á xeografía e cultura galega).
Poderíase engadir que hai que empezar a pensar máis en xeral en clave de adaptar ás tecnoloxías para asegurar a calidade de vida de galegas e galegos ao propio contexto xeofísico e cultural, e non ao revés. Exemplos disto son a promoción de redes difusas de produción eléctrica, novos sistemas de depuración en zonas rurais, e mesmo outras ideas menos traballadas como a mellora da xestión hídrica con regulacións máis potentes de control de contaminación difusa para mellorar a calidade de pozos (na liña da descentralización de sistemas de abastecimiento en zonas rurais), por non falar de promoción de abastecemento de artigos de primeira necesidade con vehículos que vaian polas aldeas (na liña dos que aínda existen de venta de peixa, pan, etc. e, por que non, como o xenial OBichero lembra, con drons...).

Máis ideas que querades resaltar de quen o lestes?

No hay comentarios: