Un par de libros que leín últimamente
veñen a ilustrar moi ben un escenario de distopía dada pola
contracción obligada pola crise enerxética. Os dous, aínda que con
estilos e contextos moi diferentes, achégannos detalles dun
escenario onde calquer diferencia cunha potencial realidade podería
ser pura coincidencia. Ciencia ficción da boa!
O Cervo na Torre, do galego Darío
Xohán Cabana, fálanos dun “presente” tras
uns ataques nucleares
que rematan coas grandes e medianas cidades do mundo, e obliga a unha
restructuración de todo o que coñecemos. Neste caso a historia está
centrada nunha hipotética reorganización da sociedade do que era
Galicia, cunha república constituida no sur de Galicia e norte de
Portugal que trata de liberarse da influencia do resto de España,
pero que na zona de A Coruña (que se librou da bomba, e que segue
contando coa refinería de petróleo, cobizada polos dous bandos)
atopa a súa némese (cun réxime de corte fascistoide). Na zona de
Lugo hai un “territorio de ninguén” onde a autoxestión avanzou moito. Pero
hai moitos movementos polo baixo así como remordementos ante xeitos de actuar "por un ben maior". Ademais, encántame como retrata esa
escaseza de petróleo e volta obligada (e en xeral traumática) a
unha economía de subsistencia. Sería unha sorte de Mad Max galega (e, pola súa épica, mesmo
a “Señor dos Aneis” galega). E non hai que esquecer o exquisito e amplísimo
vocabulario que usa o autor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario