8 ago 2015

Índice Mundial de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano: primeira versión Beta

A idea deste pequeno traballo de investigación era a de presentar posibles indicadores con influencia no enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento humano (TpDH), para empezar a discutir sobre os diversos eidos tecnolóxicos que poden compoñer un índice deste tipo. Se quería tamén poder agregalo por país dándolle se se desexa máis ou menos importancia a cada indicador segundo a súa influencia esperada na xustiza tecnolóxica de cada país (entre cuxos diversos aspectos atópanse as fendas tecnolóxicas), o uso de tecnoloxías apropiadas e o emprego da tecnoloxía cun enfoque de desenvolvemento humano tamén de cara á relación con outros países. E todo isto, podelo representar en mapas interactivos, que é moito máis visual. Acadouse para elo a financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia e se traballou dende ESF Galicia co Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da UDC.

Tras preseleccionar varios sectores e indicadores, seleccionáronse finalmente os seis seguintes:

1. Indicador de software libre
2. Indicador de militarización
3. Indicador de uso de internet
4. Indicador de acceso a auga
5. Indicador de enerxía renovable
6. Indicador de acceso a alimentación sá

Asignándolles por país valores de 1 a 5 segundo a súa idoneidade e integrándoos nun único índice, xeneráronse dous mapas interactivos, empregando a ferramenta libre cartodb (e onde se pode ver en cada país a puntuación en cada indicador situando o rato enriba):
- Un asignando valor cero aos indicadores sen datos  (a modo de "penalización")
- Outro designando “sen datos” aos países dos que faltaba algún indicador


Mapa asignando valor 0 aos indicadores sen datos

Mapa onde aparecen Sen Datos (en gris) os países para os que non hai datos en polo menos un indicador

Aquí se pode ver e descargar o informe completo, que indica as fontes valoradas e a finalmente seleccionada para cada indicador, así como o tratamento dos datos en cada índice e a construción do índice final nas dúas modalidades. Aquí está dispoñible a folla de cálculo empregada para o tratamento dos datos.


É importante resaltar a dificultade de atopar datos mundiais de variables consideradas máis axeitadas para este enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento humano (só se atoparon datos completos dos 6 indicadores para 36 países), o que amosa o pouco interese en avaliar a ideoneidade da tecnoloxía empregada como elemento de emancipación e de desenvolvemento humano (e, en xeral, o pouco interese na posta a disposición pública de datos abertos en eidos clave para .

Consideramos de gran interés para denuncia e deseño de políticas de promoción da tecnoloxía para o desenvolvemento humano afondar neste eido. Unha idea sería crear unha web específica, para dar a posibilidade de que as persoas poidan propoñer o seu propio índice agregado (construción colaborativa), e continuar promovendo o levantamento de datos mundiais públicos e libres (e mesmo rexionais ou autonómicas en España) nesta liña. Tamén continuar explorando os xa existentes para integralos ao índice, aproveitando por exemplo a axenda das negociacións dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable post-2015 e os Informes de Desenvolvemento Humano do PNUD. Nesta liña, pode ser interesante comparar o índice TpDH co IDH, SPI e co HPI, a ver si sae algunha conclusión relevante. Estes índices non integran nada de cidadanía e empoderamento (soberanía). Por exemplo, se se abre a billa e sae auga limpa, non se suscitan preguntas sobre como a veciñanza participa en que iso ocorra; ou si se ten acceso a pan (ou a 2000 calorías) todos os días, non se suscita quen o produce e como (e o mesmo coa enerxía, a información e o resto dos servizos e necesidades básicas moi ligadas coa tecnoloxía, que pode chegar a converterse nun fin e nun elemento de “fetichismo” en vez de nun medio para vivirmos mellor en todo o mundo). 

Durante 2015 e 2016, tamén con financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, continuaremos afondando nesta investigación, que apenas está comezando, á que invitamos a sumarse a toda persoa ou grupo de investigación que esté interesado. Por máis e mellores datos na investigación do desenvolvemento humano!





No hay comentarios: