24 dic 2014

Xornadas "É neutral a tecnoloxía?"

Como xa viñera anunciando ESF, o sábado 22 de novembro tiveron lugar en Santiago de Compostela, na Facultade de Filosofía, as I Xornadas “É neutral a tecnoloxía? As múltiples caras do feito tecnolóxico”, co apoio de apoio de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

A entrada era libre e abríronse as portas aos participantes ás 09:30.

Tras unha breve presentación das Xornadas por parte de Sergio Fernández, membro de ESF, ás 10:00 da mañá deu comezo a primeira mesa redonda, titulada Dimensión filosófico-ética da tecnoloxía. Sendo moderador Sergio Fernández, os integrantes da mesma foron Delmiro Rocha, filósofo integrante do Proxecto Derriba; Sergio Cernadas (sociólogo) e Borja Santiago (historiador), ambos da Universidade Cromática das Virtudes; e Juan Domingo Quintela, membro do grupo de Educación para o Desenvolvemento de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.


Comezou intervindo Juan Quintela para achegar diferentes definicións de tecnoloxía, poñendo de manifesto que non só podían considerarse as cousas materiais. Diferenciou entre tecnoloxías brandas e duras, e proseguiu comentando outros aspectos relacionados e menos coñecidos, coma a estética, as relacións de poder e o papel da muller na mesma. Rematou a súa intervención respondendo a pregunta que daba nome ás Xornadas, afirmando que ningunha tecnoloxía é neutral en tanto en canto tampouco ningunha acción humana o é.

A continuación interviron os membros da Universidade Cromática das Virtudes, que intentaron facer un achegamento ético da tecnoloxía. O primeiro membro, Sergio Cernadas, comezou por explicar as diferenzas entre ética e moral, e rematou respondendo tamén a pregunta: non hai nada neutral e iso non é, necesariamente, malo. O segundo, Borja Santiago, fixo unha exploración dos medios relacionados coa tecnoloxía utilizando varios libros que trataban os temas das utopías e distopías, coma o coñecido 1984, de George Orwell. Tras estas reflexións literarias, rematou a súa intervención aportando outra de seu: a natureza sabe onde e cando deterse, pero a tecnoloxía non segue ningún principio de autodeterminación.


Tras esta mesa redonda introdutoria, procedeuse á segunda, titulada Dimensión socio-cultural da tecnoloxía. Os integrantes foron José Manuel Vázquez, antropólogo e profesor xubilado de Prehistoria da USC e Carmen Novas, técnica da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO).


Despois dun breve descanso ás 12:00, tivo lugar a conversa con Jorge Mira, físico, investigador, divulgador científico e docente da USC. Tras un par de preguntas do entrevistador, membros do público iniciaron un interesante debate sobre o acceso a revistas e material científico. O entrevistado defendeu a coexistencia de acceso privativo e libre, argumentando que de non ser así o sistema de elaboración, revisión e posterior publicación dos artigos sería inviable.

Para rematar, levouse a cabo a terceira mesa redonda, titulada O pequeno é fermoso, onde participaron Antón Ríos Hucha, Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e membro de ESF; Emilio Padrón, Enxeñeiro Informático, investigador e docente da UDC e membro do Grupo de programadores e Usuarios de Linux (GPUL); e Carolina Martínez García, Arquitecta Técnica especializada en bioconstrución e coautora do blogue Bioconstruírme

 

Esperamos facer novas edicións reflexionando sobre as distintas dimensións da tecnoloxía, de xeito que poidamos facer dela unha ferramenta para a equidade, a xustiza social e que todas poidamos ter unha vida que pague a pena ser vivida. Namentres, se vos interesa o tema, aquí podedes ler unha serie de reflexións dalgunhas das persoas participantes nas mesas que fomos e iremos publicando neste blogue, e tamén unha selección de materiais ordenados.

No hay comentarios: