31 dic 2014

Crónica obradoiros tecnoloxia en Compostela (novembro-decembro)

 Este ano na sede de ESF de Santiago de Compostela seguimos a facer obradoiros de tecnoloxía, desta volta, enmarcados dentro da celebración das Xornadas de Tecnoloxía para o desenvolvemento Humano, É neutral a tecnoloxía? Aqui vai a crónica dos 3 obradoiros realizados nos meses de novembro e decembro deste ano que remata.


1. Obradoiro de Productos de limpeza naturais


O primeiro obradoiro desta nova remesa, tivo lugar o martes 18 de Novembro no CIAC. Gracias a participación desisteresada e ao bo facer de Almudena Ares, os e as alí presentes puideron facer distintos productos de limpeza, en concreto un deterxente,  un limpador xenérico e un suavizante.
 Ainda que tamén se comentou que o mellor suavizante natural é o vinagre.
 Ademais tamén se falou de desatascadores, combinando bicarbonato e vinagre. Pero sen dúbida o mellor foi o intercambio de pareceres e saberes entre as persoas participantes no obradoiro, moitas cun gran coñecemento na materia.











2. Obradoiro de mantemento básico de bicicleta


O mesmo día das Xornadas de Tecnoloxía, pero pola tarde, tivo lugar o segundo obradoiro. Desta volta foron os compañeiros da Sociedade Cívica Composcleta os que nos deron un obradoiro moi práctico sobre os coidados básicos da bicicleta, xa que os axustes, o coidado e as reparacións da nosa montura son un factor crucial para facer dela un medio de transporte cotián, eficiente e fiable. 





 

Tras a presentación desta asociación sen ánimo de lucro que xurdeu do movemento de masa crítica compostelá, comenzou a parte máis práctica. Así puidemos parchar rodas in situ, dándonos todo tipo de consellos sobretodo a hora de voltar poñer a cuberta e ata puidemos experimentar como colocándoa mal se pode volver pinchar (e así volta a empezar). Asi que quitamos a cámara, buscamos os buratiños, marcámolos convenientemente, lixamos, botamos o pegamento, colocamos o parche, e voltamos a colocar a cámara con moito coidado e empezando sempre pola parte da válvula e axudados da ferramenta axeitada.


 Despois tamén vimos como se engraxa unha cadea e os frenos.
 



Despois quitamos os guantes e puidemos escoitar consellos, tamén prácticos, de como ir ca bicicleta por cidade en condicións seguras tanto para os propios usuarios da bicicleta como para os peóns e automovilistas, a roupa aconsellable cando chove, como levar nenxs, etc
Tamén ensináronnos unha bicicleta eléctrica e comentáronnos as tipoloxías que pode haber, prezos, etc.


E por último falamos, comentamos, intercambiamos experiencias, consellos e dúbidas que é o máis enriquecedor.


3. Obradoiro de  "Segunda vida para o teu ordenador"


O último obradoiro do 2014 tivo lugar o pasado 2 de decembro na Facultade de Dereito. Desta volta botáronnos unha man os compañeiros da  Oficina de Software Libre do CIXUG axudarannos a instalar outros sistemas operativos baseados no software libre que nos permitan seguir empregando ordenadores que xa non soportan os actuais. 


Rafael Rodríguez Gayoso, o coordinador da Oficina de Software Libre fixo unha pequena introducción do que é o software libre, rompendo o mito de  que todo é software gratuíto, explicando toda a filosofía que hai detrás, que permite que se poida compartir, estudar, mellorar, intercambiar, distribuir, copiar. Despois contou as distintas opcións de sistemas operativos libres que había e como se podían descargar. 

Despois empezando a segunda parte máis práctica, comentouse o caso de cada ordenador que as distintas persoas asistentes trouxeron, para ver cal era a mellor opción de sistema/versión para cada un. E procedeuse  a instalalos.

E como sempre intercambiouse opinións, pareceres, dúbidas e consellos.

E ata aqui a crónica dos obradoiros. Só queda dicir GRAZAS! Grazas a todxs os que fixerons posible estes obradoiros: 


ao CIAC por cedernos o seu espazo, axudarnos na difusión e miles de pequenos detalles (as chamadas, as fotos, etc),
aos compañeiros de Composcleta, pola súa participación mais que desinteresada,
a Rafael da Oficina de Software Libre do CIXUG pola súa implicación e bo facer
a USC por cedernos un espazo e ao SEPIU por difundir as nosas actividades,
a Cooperación Galega (Xunta de Galicia), que é quen financia o proxecto onde está emmarcado estes obradoiros, nos cales pretendemos achegar a tecnoloxía, no senso máis amplo da palabra,
 e como non ao equipo de persoas voluntarias que os xestionou (Belén, Dimas, Marta e eu mesma), sen o traballo do voluntariado  voluntarioso non sería posible todas estas actividades!

GRAZAS!

No hay comentarios: