8 jul 2014

Ceas pre-verán

Aproxímanse días de calor; as vacas póusanse no chan para descansar, os mosquitos comezan a arreciar, os cans saen á rúa coa lingua para fóra e en ESF tamén mudamos a nosa actividade. Os veráns adoitan ser periodos moi inactivos na nosa ben querida asociación, todo o mundo o sabe e por iso se realizaron varias ceas de despedida. Aínda que a de Vigo (na que estivo un servidor) anunciose á toda a asociación, tamén se celebraron outras ceas como a de Santiago (da cal, por motivos descoñecidos pero sospeitosos, non quixeron facilitar fotos).

En canto ao que me dixeron de Santiago, pouco máis podo dicir que parece que a sede está forte, trala celebración este ano do curso TCpDH, que resultou todo un éxito e se realizou satisfactoriamente. Isto non tería sido posible sen novas persoas voluntarias como Dimas, Elena ou Lucía, que nos aportaron novas caras que contribúen a manter a sede máis viva que nunca (xunto cas outras moitas persoas que están na sede de Santiago).

En Vigo, deunos por facer a cea na Casa Colorida, espazo autoxestionado e adicado a practicar un novo estilo de vida, baseado na horizontalidade, na confianza e na invitación á participación no seu proxecto. Isto así soa moi bonito, pero non o cres ata que o ves materializado en cousas concretas. E en que se materializou o venres pasado? Nunha cea con prezo ao redor de dous euros (variable segundo a vontade de cada un, e todo destinado á mantención da casa), na que a nosa cociñeira (Silvia) nos preparou un delicioso ''kiss'' (non sei como se escribe, pero así queda moi ben) de verduras, entre outros manxares, e de postre arroz con leite, tamén delicioso. Nós mesmos lavámonos os pratos (a ver que ía ser isto) e aproveitamos para charlar un pouco coas persoas que viven na propia casa, que nos convidaron a experimentar cun instrumento que se usa no capoeira (foto de embaixo) e tamén nos falaron do horto que coida a casa, tamén convidándonos a participar nel.
Andrea, da sede de Ourense, experimentando cun instrumento

En resumo, toda unha experiencia colorida. Creo que é moi positivo que ESF se manteña preto de proxectos como este, cargados de optimismo, creatividade e novas ideas.

Pero isto non foi todo! O encontro en Vigo tamén permitiunos intercambiar ideas como o aprendido nun reciente obradoiro audiovisual orientado a ONGs para o desenvolvemento, a idea de facermos unha memoria de actividades en vídeo (aínda en proceso de discusión) e, moi especialmente, coñecer por fin a unha das persoas que está dando un novo impulso á sede de Ourense, Andrea Lorenzo. Faltounos o seu compañeiro, Nacho, a quen quedamos pendente de coñecer.

Ata entón, esperamos que se produzan moitas ceas e momentos de encontro na nosa asociación. Chega un momento de descanso, sí, pero non olvidemos que despois hai grandes proxectos como a citada memoria de actividades e, especialmente, a organización da próxima cósmica, reunión de todas as asociaciones de Enxeñería Sen Fronteiras a nivel España, que organizaremos con moita ilusión. Ata entón, a disfrutar das vacacións coa lingua para fóra coma os cans!!


No hay comentarios: