10 jun 2014

“Debedes levar o voso discurso aos decanos e decanas de todas as titulacións”. Os consellos de Juan Casares para introducir a EpD nas Universidades

O obxectivo do estudo que estamos a impulsar dende a Vogalía de Educación para o Desenvolvemento (EpD) de Enxeñería sen Fronteiras consiste en pescudar camiños e alianzas que podemos atopar dentro das Universidades galegas para introducir contidos, reflexións e metodoloxías propias da EpD.

Como xa fomos vendo na primeira das entrevistas aquí presentadas, conseguir a transversalidade da Educación para o Desenvolvemento pode ser unha das vías máis interesantes para lograr a nosa meta, aínda que esta proposta non está exenta de perigos xa que, como dicía o profesor Francisco Xosé Candia Durán, “a transversalidade, que xa se ensaiara nos 90 cos temas transversais da LOGSE, cando afecta a todas as materias corre o risco de non afectar a ningunha”.

A continuación transcribimos a entrevista realizada a Juan Casares, anterior reitor da USC e profesor titular do Departamento de Enxeñaría Química na facultade de Enxeñería Química da USC, que aterra un pouco máis a súa proposta de introdución destes contidos nas diferentes titulacións dándonos unha serie de ideas e propostas.

  • Que función ou funcións pensas que ten a Universidade?
A Universidade ten unha función clave que é a formación de profesionais competentes. Asociada a esta función tamén está a de formar a persoas libres e autónomas. Despois ten unha segunda función que é a investigación, a busca de novos coñecementos movendo os límites das fronteiras do coñecemento existente. Tamén ten unha terceira función que consiste na transmisión de cultura, algo que está directamente asociado á transmisión de coñecemento e, indo máis aló, á transferencia de tecnoloxía; é dicir, á aplicación práctica dos resultados da investigación para xerar riqueza. Eu creo que a investigación sempre xera aplicacións, o que pasa é que as aplicacións, moitas veces, tardan anos e decenios en converterse en realidade. De aí a importancia da Universidade como xeradora de coñecemento básico e aplicado. Esa transmisión de tecnoloxía, nestes tempos, ten un contido moi importante e penso que moi transversal en distintos ámbitos do coñecemento. 

  • Como se aplican esas funcións no traballo docente para impulsar esa liña de pensamento verde e de compromiso social? 
Incorporando o medio ambiente nos currículos.

  •  E como se poden ambientalizar os currículos?
De dúas maneiras. Unha sería que nas materias, en case que todas as materias, se incorpore nalgún dos seus temas unha visión que teña en conta o noso contorno, o seu respecto e coidado. É unha opción difícil pero eu penso que se pode incorporar esta perspectiva. Cal pode ser a alternativa? Introducir no currículo algúns créditos que claramente defendan que o seu fío condutor sexa precisamente o entorno. Esta é unha alternativa menos extensiva, porque non todo o mundo vai coller eses créditos ou vai ter interese en collelos. Non é nada doado tampouco conseguir isto, hai que poñer de acordo a moita xente. Pero hai que insistir e persistir.

Penso que agora pode ser un bo momento para todo isto, xa que xa están instalados os grados e a xente xa está empezando a facer modificacións neles. Entón, esta proposta non caería como ao principio, porque se estaba nun momento de redución de contidos de cinco anos de titulación a catro e houbo moito debate sobre que contidos se deixaban fóra. 





  • Nese proceso, e tendo en conta a idea de que agora pode ser un bo momento, cales son as alianzas que dende o seu punto de vista debe haber entre a propia institución universitaria e as ONGD? 
Eu creo que o que o paso a dar é que vós, como Enxeñería sen Fronteiras, faledes coas persoas coordinadoras de titulación para pedirlles que fagan ese esforzo de propoñer a incorporación destas cuestións nos currículos. Nós (en Enxeñería Química) temos unha materia que se chama “Obradoiro profesional” que é un bloque de materias e non sería moi difícil. Noutras titulacións sería pedirlles que incorporaran algunhas materias optativas. Hai que traballar un pouco o discurso de cara a ir a falar co Decano de Dereito, co Decano de Filosofía, coa Decana de Económicas, etc. para adaptalo o mellor posible a cada campo do coñecemento.

  • A inclusión de contidos nos currículos depende só dos decanos e decanas e das persoas coordinadoras de titulación?
Depende de todos, pero os coordinadores poden facer ese traballo cando se discuten as modificacións das titulacións. Por exemplo, hai unha petición, de Enxeñería sen Fronteiras, sobre a necesidade de actuar neste sentido... Sempre hai alguén que se sube ao carro.

No hay comentarios: