31 ene. 2013

XX Aniversario: quentando motores...

Bueno, tal como pintan o 2013 parece que é un ano para esquencer, para poñelo na lista negra, pobre, por encima de rematar en 13... pero coma sempre todo é relativo, depende do que prisma co que o queiramos ver... porque o 2013 tamén ten algo especial, ESF Galicia cumpre 20 anos!!!

  

E o vindeiro 9 de Marzo o imos celebrar en Santiago. Polo de agora, tan só temos un esbozo do programa:

Maña: Asamblea
    Comida vertebradora
Tarde: actos conmemorativos
    Cea


 Estamos a buscar un sitios en Santiago onde facer a celebración e incluso dormir, e para os que teñan rapazallada, contaremos con servizo de gardería.

 A ocasión ven merece invitar a todas as persoas que pasaron por ESF dende as súas orixes... así que estamos intentando contactar co máximo de xente que pasou  pola asociación, que foi e se sintiu nalgún momento ESF. Así que se corra a voz! 



... e se non podes vir e queres aportar dalgún xeito, contacta con nós!! que seguro que se nos ocurre algo ;-)
... se tes algunha idea para os "actos conmemorativos" ou queres axudarnos ca organización, a comisión de festas está aberta a quen queira unirse!
... en breve máis información.
... porque 20 anos non son nada! :-)


A comisión de festas :-)

23 ene. 2013

Banca Ética. Asociación Fiare Galiza


Este sábado, 19 de xaneiro tivo lugar a Asemblea Xeral da Asociación Fiare Galiza. Unha asemblea de moita importancia debido ás mudanzas nas que está inmersa a asociación. Para quen queira saber máis sobre o Proxecto Fiare, deixo aqui unha "non tan breve" explicación do seu funcionamento, os seus obxectivos a curto prazo, e as decisións que se adoptaron nesa asemblea, onde ESF estivo representada por un dos seus colaboradores.

Como sabedes, o proxecto Fiare está espallado por toda España, estruturándose través de distintas asociacións territoriais, que funcionan polo principio de igual representatividade, unha persoa ou asociación socia, un voto. Da igual canto aporte a socia para o capital social, non ten máis votos quen máis aporta. Para pasar a formar parte do proxecto hai que aportar unha cantidade para capital social, no caso das persoas físicas un mínimo de 300 euros, e no caso das asociacións 600. Tanto as asembleas como as xuntas directivas son abertas e pode asistir todas as persoas interesadas, aínda que solo teñen voto as socias. O obxectivo final do proxecto Fiare, e por tanto tamén da Asociación Fiare Galiza é canalizar o aforro da cidadanía comprometida cara ás necesidades sociais que precisen financiamento. Para que un crédito sexa concedido primeiro ten que ser aprobado polo comité ético da zona onde se solicita, e despois ser analisado desde o punto de vista financeiro nunha das 3 existentes hoxe (Bilbao, Madrid ou Barcelona). A Galiza correspóndelle a oficina de Bilbao. Aínda que o proxecto sexa declarado non viable en termos económicos, os comités éticos poden insistir na súa importancia, se así o consideran oportuno, e o persoal da oficina bancaria debe entón precisar que modificacións son necesarias para que o proxecto poida levarse a termo.

Debido a que ata agora Fiare non ten licenza para operar con produtos de banca tradicional (conta corrente, tarxeta de débito e banca online (algún depósitos si)), Fiare vén traballando en España como “axente da Banca Poppolare Etica”, cooperativa de banca ética italiana, a través dun convenio que permitiu ofrecer algún produtos bancarios (por exemplo, conceder créditos a proxectos). O obxectivo inicial era lograr a licenza bancaria para poder ser “banca ética española”, máis esta intención foise complicando, pois cada vez que se tentaba acadar o mínimo capital social para obter esa licenza, as condicións impostas polo Banco de España aumentaban, según nos iamos adentrando na crise actual. Chegou un momento en que se recoñeceu que non sería posible acadar a licenza española para operar como banco, e entón fixouse a ollada na posibilidade de integración coa Banca Popolare Etica, que funciona en Italia desde hai máis de vinte anos. O proceso de integración foi complexo pero xa está a piques de culminarse, de aquí a xuño só falta que o Banco de Italia dea o visto e prace, e informar ao Banco de España do inicio da actividade. É a partires do mes de xuño cando está previsto que se poda comezar a operar, coa funcionalidade via Internet xa prevista, dun xeito autónomo e completo, esperando que se poidan abrir máis oficinas de información, e que a figura do banqueiro ambulante solucione todos os trámites naqueles lugares onde non conten con oficina bancaria desde o principio. Esta figura de banqueiro ambulante permitirá facer os trámites a todalas clientas e clientes que desexen achegarse a este modelo de banca ética.

Neste contexto, a asemblea deste sábado supuxo a aprobación de cambios na nosa estrutura interna, para adaptar o mellor posible o noso funcionamento ao da cooperativa Banca Poppolare Ética, na que nos estamos integrando en calidade da “5ª área”, chamada área Fiare. Tamén se aprobou que Galiza se separe en dous GITs (grupos de implantación territorial): GIT-Norte (agrupando as persoas socias de A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo… e as que se vaian sumando); e GIT-Sur (agrupando Vigo, Pontevedra e Ourense). Nun principio ESF Galicia estará representada como socia no GIT-Sur, pero isto non supón impedimento para que poida estar representada tamén no GIT-Norte.

Como consecuencia desta integración, a asociación Fiare Gz, ao igual que as outras asociacións pertencentes ao proxecto Fiare, están debatindo de que maneira non perder toda a riqueza do traballo en rede de denuncia e sensibilización que en principio non se pode facer tal como ata agora no marco “bancario” da cooperativa.Para solucionar este atranco, estáse a falar da posible creación dunha segunda forma xurídica, que se decidirá despois de que finalice o proceso de integración. Esta non sería máis que a forma de dar saída a tódalas actividades nas que as asociacións e ONGs socias de Fiare están promovendo e interesa que sigan funcionando dentro de Fiare. Non está claro que se vaia acordar a formación desta segunda forma xurídica, pois aínda hai moito por debater. Con esa intención se nos convoca ás organización socias do proxecto para o día 23 de febreiro en Compostela, e achegarnos así toda a información necesaria e poñer en común posicionamentos e ideas de colaboración. 

Mentres estamos no proceso de integración, e ata que non se decida esto último, a Asociación Fiare Galiza realizará labores de coordinación entre os dous GIT creados. Na asemblea renovouse a xunta directiva para que continúe ata o final deste proceso e nombrouse membro da xunta directiva, como  responsable de comunicación ao representante de ESF Galicia.


Por último, está pendente cubrir o compromiso de fondo perdido para gastos de constitución que a asociación arrastra desde hai anos (aluguer oficinas, nóminas das persoas traballadoras das oficinas…). Constituíuse unha comisión para organizar eventos, comidas solidarias, mercados de segunda man ou concertos, co obxectivo de recadar fondos. Pedíusenos tamén un esforzó ao respecto ás persoas e asociacións que formamos parte do proxecto, estimado entre 30 e 300 euros segundo a capacidade da persoa ou asocicación.

Unha grande aperta esfeira para todas e todos.

22 ene. 2013

Cartaz e nota de prensa Xornadas Voluntariado de cooperación para o desenvolvemento

Enxeñería sen Fronteiras e a Coordinadora Galega de ONGD organizan as I Xornadas de Voluntariado e Cooperación para o Desenvolvemento

O evento terá lugar o vindeiro venres 25 de xaneiro ás 16:30 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñería, Campus Vida (USC).

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro. As organizacións que nos dedicamos á Cooperación para o Desenvolvemento somos conscientes de que existe un grande descoñecemento non só no traballo que estamos a realizar, senón tamén das posibilidades que existen de participar activamente como persoa voluntaria nas nosas entidades. O obxectivo das presentes xornadas é crear un espazo de reflexión entorno ao voluntariado de Cooperación para o Desenvolvemento, no que compartir experiencias e distintas perspectivas xunto a persoas voluntarias de distintas organizacións, as administracións públicas dedicadas a traballar estas temáticas e outras persoas encargadas de xestionar o voluntariado en distintas entidades.

Programa das Xornadas:
Mesa redonda: A visión do voluntariado desde a Administración
Horario: 16:30-18:00
Carolina Diz, técnica da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.
Daniel González Palau, Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación.
Representante da Subdirección Xeral de Voluntariado e Cooperación.
18:00-18:30. Descanso
Obradoiro: Compartindo experiencias.
Horario: 18:30-20:30.
Espazo de reflexión e traballo colectivo sobre as distintas concepcións do voluntariado que teñen as organizacións participantes, a imaxe que se transmite do que é o voluntariado de Cooperación para o Desenvolvemento e a importancia do mesmo no momento actual. 
 

POR QUE UNHAS XORNADAS DE VOLUNTARIADO?

  • Porque en Galicia somos máis de 1600 persoas vinculadas de xeito activo ás distintas ONGD galegas.
  • Porque o voluntariado de Cooperación para o Desenvolvemento non se sitúa exclusivamente nos países empobrecidos. As entidades que traballamos o desenvolvemento en Galicia dedicámonos a difundir e a traballar, entre outras temáticas, o consumo responsable, a equidade de xénero, a banca ética, o acceso aos servizos básicos, a soberanía alimentaria e o respecto ao medio ambiente.
  • Porque ante un contexto cambiante, afectado principalmente pola crise sistémica, o compromiso da cidadanía pola xustiza social é máis necesario ca nunca.
  • Porque o voluntariado é un proceso de transformación persoal e de construción colectiva que se debe fomentar e facilitar para conseguir unha cidadanía activa e comprometida.





21 ene. 2013

As razóns das I Xornadas de Voluntariado de Cooperación para o desenvolvemento


Por que?
… dende as organizacións de se adican a cooperación para o desenvolvemento dámonos conta de que existe un gran descoñecemento sobre este tipo de voluntariado.
… asóciase a voluntariado en países empobrecidos esquencéndose do voluntariado activo que se pode levar a cabo en Galicia.
… as posibilidades de colaboración son tan variadas como as organizacións que nos adicamos a cooperación (comercio xusto, educación, auga, enerxia, soberanía alimentaria, habitabilidade, xénero, banca ética, etc)
… na mesa redonda onde van estar as administracións, as organizacións temos a posibilidade de facer incidencia, resolver dúbidas, en definitiva ter un diálogo directo cas distintas administracións.
… nos obradoiros imos ter un espazo de encontro, de compartir experiencias e visións, en definitiva de crear sinerxias en torno a este tipo de voluntariado tan descoñecido.
… pode ser un punto de inicio de cara a comezar a traballar na proxeción do que significa o voluntariado de cooperación ao desenvolvemento.

Para quen?
Persoas voluntarias e/ou personal contratado que se encargue da xestión do voluntariado nas ONGD, administracións e calquera persoa con inquietudes en torno ao voluntariado de cooperación.

Donde?
Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE). Campus Vida (antigo Campus Sur). Universidade de Santiago de Compostela.

Cando?
Venres 25 de xaneiro de 16:30 a 20:30 horas

Como?
16:30-18:00. Mesa redonda: A Visión do voluntariado dende a Administración.
Carolina Diz, técnico da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.
Subdirección Xeral de Voluntariado e Cooperación 
Daniel González Palau, Secretaría Técnica Fondo Galego de Cooperación.


18:30-20:30. Obradoiros. Compartindo experiencias.
Espazo de participación das organización e persoas asistentes sobre distintas temáticas en torno ao voluntariado de cooperación.


As xornadas son de balde, só é nesario realizar a inscripción no correo compostela@galicia.isf.es 

18 ene. 2013

Por que Galicia debe seguir apostando pola Cooperación Internacional II: as razóns de CODDEFFAGOLF (Honduras)

Leana Corea, do Comité para la Defensa e Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (outro dos nosos socios nos programas internacionais en Honduras), despois  de ver a opinión de Flor da Alcaldía de Marcovia, tamén nos da a súa visión de por que non debe desaparecer a Axuda ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia (tal e como está a ocorrer).

  • Hemos liderado procesos de desarrollo en zonas rurales del sur de Honduras y lo hemos hecho, entre otros, con el apoyo de la Xunta de Galicia, de desaparecer la Cooperación Gallega perderíamos un aliado estratégico fuerte en la lucha contra la pobreza rural que ahora asciende a 60% en Honduras (1.2% de incremento en los últimos dos años). 
  • Existen procesos iniciados en las comunidades, especialmente en el tema agua y producción, es preocupante que esos procesos se queden a medio término y que no podamos culminar hasta ver a productores/as independientes capaces de caminar solos en su autodesarrollo. 
  • Nos sentimos satisfechos con las fortalezas generadas en técnicos/as locales con fondos de la Xunta este proceso debería ser consolidado antes de anunciar una disminución o posible retiro de los fondos de cooperación de la Xunta de Galicia. 
  • Si bien comprendemos la situación económica de España y su disminución de recursos económicos consideramos que el descenso de la cooperación y la solidaridad no debería ser tan radical sino proporcional. 
  • Hasta ahora las líneas más efectivas de desarrollo humano e incidencia política ambiental y social en Honduras han sido a través de organizaciones de sociedad civil con el auxilio de la cooperación externa; su descenso sólo intensificará la inequidad social, disminución del empoderamiento social y declive de los Índices de Desarrollo Humano.

16 ene. 2013

Faladoiro: minaría, residuos e territorio

Convidámosvos a asistir a un faladoiro sobre minaría, residuos e territorio. Será este venres 18 de xaneiro ás 20:00 no número 17 da rúa do Pombal de Compostela.

Organiza Verdegaia e tamén participamos Enxeñería Sen Fronteiras, a Asociación Socio-Cultural "O Iribio" e a Asociación pola Defensa da Ría de Arousa.


Incidirase  nos seguintes temas: o "fracking", o proxecto de megaminaría en Corcoesto e as escouras de Ferroatlántica. Falarán, ademais de todas as asistentes: Nela Abella e Alexandre Casal -de Verdegaia-, Guillermo Botello -de ESF-, Marcos Celeiro -do Iribio- e Xaquín Rubido -da A.P.D.R. Arousa-.

Esta colaboración está relacionada coa campaña 'Auga e minaría' que desenvolverá o grupo de Incidencia e Auga de ESF durante 2013.

15 ene. 2013

Entrevista a Patricia Iglesias Fernández - Radio Galega

Aquí podedes escoitar o audio da entrevista realizada a Patricia Iglesias Fernández, voluntaria da ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia; emitida no programa "Convivir en Igualdade" da Radio Galega o 15 de xaneiro de 2013.

Por que Galicia debe seguir apostando pola Cooperación Internacional I:as razóns da Alcaldía de Marcovia (Honduras)

Flor de María Moya, da Alcaldía de Marcovia (un dos nosos socios nos programas internacionais en Honduras), cóntanos a súa visión de por que non debe desaparecer a Axuda ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia (tal e como está a ocorrer). Chamounos a atención como destacan, ademais dos de tipo moral e humanitario, aspectos máis "utilitaristas" para España e tamén de aprendizaxe mútuo.

  •  La cooperación es un beneficio de doble vía porque beneficia también a personas de su país en la generación de empleo, así que se eliminarían puestos de trabajo que actualmente tienen personas de origen español.
  • Porque los estudiantes de las universidades que participan (en los Programas de Conocimiento de la Realidad) dejarían de conformar grupos de ayuda y dejarían de practicar de forma real el trabajo aprendido en las aulas de clases al conocer la realidad de nuestras comunidades. 
  • Porque la falta de condiciones en nuestro país provoca mas migración a los suyos lo que les acarrea mayores problemas como país. 
  • Porque nuestro país al estar conformado por el mayor porcentaje de pobres no tiene muchos ingresos para generación de ingresos al estado y este a su vez no puede cubrir las necesidades básicas de las comunidades o municipios que la conforman. 
  • Porque realizamos un plan de agua y saneamiento municipal que presenta las necesidades construcción de los sistemas y otro que presenta los problemas graves de las agua de consumo humano. 
  • Porque estamos necesitando financiamiento externo porque la in capacidad del presupuesto municipal de cubrir estas areas. 
  • Porque las alianzas son necesarias mantenerlas en el ámbito del aprendizaje de cómo centro América sobrevive en épocas de crisis y siendo tan pobres esto por las recesiones que tienen como países grandes. 
  • Porque todavía hay una cantidad de personas en el mundo sin servicios básicos y agua
  • Por HUMANIDAD 

10 ene. 2013

Resumo blogueiro: decembro 2012

CONTIDOS

  • Blogue de Vida Asociativa 
  • Blogue Honduras 
  • Enlaces de interese 
  • Publicacións en físico 
  • E no próximo mes ... 
  • A ESFrase do mes 


BLOGUE DE VIDA ASOCIATIVA


Este derradeiro mes de 2012 veu cargadiño. Puidemos coñecer o traballo da Xunta Directiva de ESF en Outubro e a finais de ano. Ademais tivo lugar o obradoiro de Teatro Social en A Coruña e os de Comunicación Social e co-creación colectiva en Santiago e Vigo. Comezou a interesantísima serie de publicacións sobre Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano desde diversos enfoques, co compañeiro Ton Ríos (Re)definingo tecnoloxía apropiada e a xente da Universidade Cromática das Virtudes filosofando sobre A Pregunta Como Resposta. Houbo tempo para preocuparse, formarse e empezar á denuncia da posibilidade de que o fracking chegue a Galicia, así como da polémica coa mina de ouro a ceo aberto de Corcoesto. Dende Lugo chegounos a xenial crónica das II Xornadas de Soberanía Alimentaria e rematamos o ano cunha chamada ao optimismo e ao voluntariado activista nestes tempos onde as políticas públicas claramente non apostan polas persoas máis vulnerables (sen importar o lugar onde naceran) a pesares do prometido na campaña electoral.



BLOGUE HONDURAS

En decembro neste blogue podemos coñecer o proxecto que comeza en Marcovia financiado polo Fondo Galego de Cooperación continuando co fortalecemento da Alcaldía en xestión integral do recurso hídrico, desta volta na súa área urbana.




ENLACES DE INTERESE


Auga


Comunicación para o (como) desenvolvemento


Consumo responsable


Cooperación e ONGD


Educación para o desenvolvemento


Iniciativas


Investigación para o desenvolvemento 


Mundo


Políticas e modelos de desenvolvemento


Sensibilización


Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural


Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)


Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


Voluntariado


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións disponibles xa catalogadas

Este mes recomendamos:
Cadernos internacionais de tecnoloxía para o desenvolvemento humano, 8 números:

1) Auga e saneamento
2) Tecnologías de la información y la comunicación
3) Servizos urbanos
4) Desenvolvemento agropecuario
5) Enerxía
6) Emerxencias
7) Educación para o desenvolvemento
8) Tecnoloxías da información xeográfica


E NO PRÓXIMO MES ...


2013: Ano internacional da Cooperación na Esfera da Auga
2013: Ano internacional da Quinua
25 de xaneiro: I Xornadas de Voluntariado de Cooperación para o Desenvolvemento


Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria da Coordinadora Galega de ONGD



A ESF-RASE DO MES

As tecnoloxías non son a base do cambio. O potencian, pero non son a base.
Carlos Morales

4 ene. 2013

I Xornadas de Voluntariado de Cooperación para o desenvolvemento

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD van a levar a cabo as I Xornadas de Voluntariado de Cooperación para o desenvolvemento que se celebrará o venres 25 de xaneiro en Santiago de Compostela.
O obxectivo de ditas xornadas é crear un espacio de reflexión en torno ao voluntariado de cooperación ao desenvolvemento no que compartir experiencias e visións xunto a persoas voluntarias de distintas organizacións, administracións e outras persoas que xestionen voluntariado.

O programa extructurarase do seguinte xeito:

16:30-18:00. Mesa redonda: A Visión do voluntariado dende a Administración. 
Invitarase a administracións que traballan con organizacións con voluntariado de cooperación (Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, Subdirección Xeral de Voluntariado e Cooperación , Fondo Galego de Cooperación, etc) para que compartan coas ONGD o seu punto de vista sobre o voluntariado, que debilidades atopan no sector, como se fomenta e propostas de mellora para realizar tanto dende a administración como dende as ONGD. 

18:00-18:30. Descanso

18:30-20:30. Obradoiros. Compartindo experiencias. 
Segundo o número de participantes realizaranse distintos grupos para tratar distintos temas en torno ao voluntariado de cooperación.
Cada grupo intentará sacar unhas conclusións e ao final do obradoiro exporanse en conxunto.

Polo tanto gustaríanos convidarvos a participar nestas xornadas para compartir tanto ca administracións como con outras ONGD o punto de vista sobre o voluntariado de cooperación, ese gran descoñecido para a sociedade en xeral.

Para inscribirse é necesario enviar os teus datos (nome, apelidos, mail de contacto e asociación ou entidade a que pertences) a seguinte dirección de correo: compostela@galicia.isf.es