28 feb 2013

Aberta a matrícula para o VIII Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano


Os vindeiros días 15, 16 e 17 de Marzo e 5, 6 e 7 de Abril, Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza o VIII Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano.

O curso ten un prezo de 50 euros, recoñecido con 2 créditos de libre configuración para o alumnado da USC.

As xornadas estarán divididas; venres 15 pola tarde (16:00-20:30), sábado 16 (10:00-14:00 e 16:00-20:30) e domingo 17 (10:00-14:00 e 16:00-20:30) de Marzo e venres 4 (16:00-20:30), sábado 6 (10:00-14:00 a 16:00-20:30) e domingo 7 de Abril (10:00-14:00 e 16:00-20:30)
Realizarase na Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, Campus de Lugo.



Podédesvos informar e matricular AQUÍ.

Neste correo lugo@galicia.isf.es podedes dirixirvos para calquera dúbida sobre o programa, as persoas formadoras e as inscricións. Esperamos contar coa vosa participación!

A continuación podes ver máis detalles. Axúdanos a difundilo!

27 feb 2013

Avance programa XX Aniversario...

Este é un avance das actividades que se van a celebrar na Xuntanza do XX aniversario que terá lugar o 8 e 9 de Marzo no Seminario Menor en Santiago de Compostela...

Venres 8 de Marzo

17:00-21:00 Obradoiro formativo
Comprender, Motivar e Persuadir.  3 claves na acción voluntaria. Xacobe Fernández García, psicólogo e socio de ESF.

Sabado 9 de Marzo

10:00 Asamblea Xeral de Socios.

13:00 Xantar ecolóxico vertebrativo 

16:00 Vertebración XX Aniversario
Queres saber que pasou nestes 20 anos? poñerlle cara a xente que estuvo e está en ESF? 








24 feb 2013

Aprobación vergoñenta do Plan de Cooperación 2013

Este venres 22 de febreiro reuniuse o Consello Galego de Cooperación ao  Desenvolvemento, o CONGACODE, un órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia de cooperación para o desenvolvemento, aínda que non é vinculante, este é o único instrumento  oficial onde as ONGD temos voz e voto. 

Ademáis do propio sector (a través de 5 representantes da coordenadora galega de ONGD), a Xunta de Galicia conta con 11 representantes de distintas consellerías ou subdireccións como Sanidade, Facenda, Mar e Medio Rural, Presidencia ou órganos como Augas de Galicia. Outros membros do consello son:

- Fondo Galego de Cooperacion
(Fogacosol) 
- Confederación de Empresarios.
- Consello Galego de Universidades
- Expertos independentes:
    - José Manuel Sobrino (UdC)
    - Irene Manzano (USC)
    - Emilio Martínez (UVigo)
e os ausentes Obra Social de Novacaixagalicia e as Comunidades Galegas no Exterior.

Un dos puntos máis importantes da orde do día era a aprobación do Proxecto do Plan Anual de Cooperación Galega do 2013, no cal a Xunta de Galicia, recortará o orzamento un 36% respecto 2012 e un 64% dende 2009, o maior recorte social da historia en Galicia. Ademais, e por primeira vez dende 2004, en Galicia non haberá subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento nin bolsas de formación en cooperación. Eliminaranse tamén as subvencións para microproxectos, fortalecemento institucional e acción humanitaria. E tampouco se financiarán os convenios co Fondo Galego de Cooperación e coas universidades. Unicamente, e tras a negociación da propia coordenadora galega de ONGD ca Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, neste 2013 haberá unha convocatoria de educación para o desenvolvemento por valor de 200.000 euros. Así que aparte de algún convenio puntual, como o da Coordinadora, o groso do orzamento  para 2013 cubrirán os pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012

 A pesares de que en 2013, os orzamentos dedicados a cooperación en Galicia quedarán nun paupérrimo 0,05%, o plan de cooperación 2013 contou unicamente cos votos en contra das ONGD e o experto independente Emilio Martínez (6) e a abstención  do Fogacosol. O resto foron votos positivos (15).  Así que a responsabilidade e a obriga moral de contribuír ao desenvolvemento dos territorios que menos teñen quedarán orfas. 

 Non vos parece vergoñento??

 

23 feb 2013

Entrevista a José María Vara Rodríguez - Radio Voz

Aquí podedes escoitar o audio da entrevista realizada a José María Vara Rodríguez, voluntario da ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia; emitida no programa "Con Voz de Sábado" de Radio Voz o 23 de febreiro de 2013.
Durante a conversa, Pepe Vara (que é membro fundador da asociación dende 1993) fala sobre os 20 anos que cumpre ESF Galicia poñendo a Tecnoloxía ao servizo do Desenvolvemento Humano e anuncia os actos de celebración do XX Aniversario que terá lugar en Santiago de Compostela os días 9 e 10 de marzo de 2013.

21 feb 2013

A Caravana Comunicativa chega a Lugo

A Caravana comunicativa chega a Lugo na súa definitiva parada este sábado 23 de Febreiro, para rematar de construír o cadáver exquisito que se comezou a crear en Santiago e en Vigo. 

Empezará ás 12:00h para rematar despois de xantar, e así poder acudir ás diferentes convocatorias da Marea Cidadá programada para esa misma tarde. Realizarase no Pub O Tren, gracias ó noso compañeiro Pepe.

Nesta ocasión, traballaremos un tema demasiado imprescindible: que queremos dicir exactamente cando dicimos algo? Facémonos entender cos nosos marabillosos conceptos cooperativos?...

Termos Cooperativos: Fágome entender?

Programa:

- A comunicación educativa.
- Dinámica das palabras subconscientes.
- Linguaxe da Cooperación. Linguaxe da Comunicación. Facémonos entender?
- Dinámica do Dicionario. Significando.
- Remate do Cadáver Exquisito.
- Avaliación, debate e preguntas.

Ademáis de todo isto, tamén tomaremos a oportunidade para facer unha cena vertebrativa ESFera o venres pola noite, estades todos e todas invitados!!

Agardámosvos!!

O comezo de ano na Xunta Directiva - xaneiro!

Despois de cancións navideñas, reunións familiares e algunha que outra reunión ESFeira... @s divertidill@s comezamos o ano 2013 cheos de enerxía!! :) A que adicamos o tempo libre neste mes?


TECENDO REDES - FEDERACIÓN DE ISF 


Reunión da Xunta Federal

Compártense os documentos para os orzamentos federais que se moveron na lista de Xunta Federal as últimas semanas e a acta da reunión de Junta Federal do pasado xoves á que asistiu Sandra como Presidente de ESF Galicia. Desta reunión temos como pendentes:
1.- Organizar un obradoiro sobre a Federación: Hai unha comisión creada a nivel federal para facelo en todas as ISF e recoller as conclusións. Quérese saber cales son as consecuencias de non poder contratar persoal para a Federación e cales son as prioridades dos servizos federais. 

2.- Dar apoio a comunicación a nivel federal xa que estes meses e polo menos ata a próxima asemblea federal do 2 de marzo non hai persoa contratada

TECENDO REDES - COORDINADORA GALEGA DE ONGD

Reunión de urxencia coas ONGD o día 18 de xaneiro
 
A Xunta ten previsto recortar un 38% o orzamento de cooperación, un feito que levará cara a eliminación das convocatorias de cooperación exterior, microproxectos, educación para o desenvolvemento e fortalecemento das organizacións. Segundo o orzamento 2013 soamente dedicará 400.000 euros a unha convocatoria de acción humanitaria. O resto dos fondos orzamentados para 2013 cubrirán os pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012. O convenio anual coa Coordinadora pasará de 90.000 a 60.000 euros. Na reunión, ademais de poñernos ao día sobre as accións que se levaron a cabo, traballouse para marcar de forma conxunta as actividades que como Coordinadora levaremos a cabo en 2013 nestas liñas:

-    Incidencia política: de momento representantes da Coordinadora reuníronse cos distintos grupos parlamentarios para propor enmendas aos orzamentos da Xunta e para afianzar o compromiso dos grupos parlamentarios coa cooperación galega.

-    Mobilización e Comunicación: todas as ONGD deben explicar cales son e serán os efectos do desmantelamento da cooperación ao desenvolvemento tanto no exterior como en Galicia. Queremos achegar datos aos medios e á cidadanía que vaian máis aló das cifras dos recortes. Queremos falar das consecuencias que terá o fero dos procesos de desenvolvemento que se están a levar a cabo. 
 
Asisten dúas persoas por parte de ESF Galicia. Pensamos que é un momento clave que debería ter toda a nosa atención...  

Na lista aparecen as seguintes ideas sobre os efectos da cooperación: 


"El ejemplo que me parece más fácil es el marisco de San Lorenzo que potencialmente llega a nuestras mesas en Galicia, sin que lo sepamos, y que llegará más si frenamos la cooperación. Sin cooperación conseguiremos empobrecer la calidad de vida de muchas personas de las que sí que somos responsables porque estamos importando sus productos y su trabajo en condiciones totalmente injustas y desproporcionadas. Me parece que esta perspectiva puede ayudar a ver que la Cooperación no es una donación caritativa que se debe parar en tiempos de crisis, si no que es un mecanismo de superación de las relaciones insostenibles que provocan la ruina de sociedades de todo el planeta. Abrir los ojos a esto es clave en la situación actual del sector, en mi opinión."
"Pois eu non sei. Que pasa si desaparece a educacion para o desenvolvemento? ou unha campaña de auga en concreto? pois a verdade e que non sei. Penso que son procesos moi longos que poden levar a unha mellora da sociedade, ou a unha cidadania mais critica e xusta. Pero tampouco penso que sexa si ou si, quero dicir, non creo que se poida decir que si non a hai pasa "isto". O unico que vai a pasar, como minimo, e que a sociedade siga tal como esta."

Tamén preguntamos ás socias locais a súa opinión. Pódese ler aquí e aquí. Tamén concedéronse entrevistas á prensa (El País Galicia). A reunión coas ONGD foi sobre todo informativa e para buscar novas ideas de acción conxunta para que se unan outras ONGD da coordinadora que estean menos activas. 

Reunión de representantes da CGONGD con Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia, AAPP e Xustiza e Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

A mensaxe de incidencia foi que aumenten os fondos para que se poida sacar convocatoria este año, polo menos 1,5 millones; que prioricen a Educación para o Desenvolvemento; que comprometan fondos tamén para 2014 a través de proxectos bianuales. 

Alfonso Rueda, dende o principio, deixou claro a imposibilidade de subir os orzamentos de cooperación aos niveis requiridos dende a Coordinadora. Non intentou xustificar o recorte con ningún argumento. Simplemente dixo que o sentía moito pero que “dadas as circunstancias” non había posibilidade de subida os orzamentos de cooperación para o 2013. Dixo que el estaba comprometido coa política de cooperación galega, que a cooperación galega non vai desaparecer nin se vai desmantelar ao longo desta lexislatura. Que se elaborará o III Plan Director, que seguirá existindo a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, a cal se dotará dun orzamentario mínimo na partida dedicada a cooperación. En ningún momento dixo cal sería ese mínimo orzamentario. O que deixou claro é que “Galicia non vai a seguir o exemplo doutras CCAA” e sacar convocatorias irrisorias. Gamallo engadiu que había que ser optimista porque que o ano 2014 pode ser un ano positivo para a cooperación galega xa que se liberan os compromisos adquiridos e se comeza a traballar dende cero, coa posibilidade de afondar en acordos e estratexias futuras. 

Alfonso Rueda propuxo á Coordinadora a posibilidade de presentar conxuntamente unha emenda parcial aos orzamentos: co diñeiro dispoñible para convocatoria deste ano, e cun compromiso orzamentario para o ano próximo. A Xunta Directiva da Coordinadora, non puido contestar nese momento por non ter a opinión de todas as ONGD. Logo de estudar diferentes opcións, decidiu nunha reunión posterior non presentar esta última proposta como emenda parcial aos orzamentos xerais. A Xunta Directiva cre que presentar unha emenda parcial destas características (unha emenda de mínimos) suporía, en certo modo, difuminar a emenda presentada que alude ao compromiso de manter os orzamentos de cooperación a niveis de 2012 ou recortar proporcionalmente estes orzamentos. Ademais, a Xunta Directiva tomou esta decisión logo de asegurarse de que tecnicamente é posible garantir fondos para 2014 durante o ano 2013, sen necesidade de emendar os orzamentos xerais deste ano por vía parlamentaria. É dicir, existen vías alternativas ligadas ao poder executivo do propio Conselleiro, para intentar acadar este obxectivo sen ter que presentar una emenda de mínimos. As vías alternativas atopadas para conseguir comprometer fondos de cooperación para 2014 foron e serán consultadas coa propia Subdirección Xeral. Convocouse unha reunión para aclarar certos aspectos técnicos en relación aos orzamentos.



RELACIÓNS CON INSTITUCIÓNS FINANCIADORAS

Deputación de A Coruña

Chamáronnos por si queremos mandarlles algún proxecto para que vaian sondeando a posibilidade de financialo. Unha opción é ir formulando o proxecto de EpD deste ano en plan: "Enxeñería Sen Fronteiras 2013: XX anos poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano" 

VISIÓN GLOBAL DA ASOCIACIÓN 

Novas formas de financiament 


Existen outras posibilidades para financiarnos pero sería necesaria unha organizacion previa antes de buscar activamente. Queda pendente unha reunión da comisión de financiamento para tratar estes temas.


Plan de formación 

Compártese o plan de formación, elaborado pola comisión correspondente en base ás necesidades de formación de todos os grupos de traballo. 

8-10 de Marzo: Xuntanza
8 de marzo, venres, pola tarde – Formación en ciclo de voluntariado (ferramentas para o seguimento de voluntariado nos grupos – transversalidade do seguimento de voluntariado) e/ou motivación para o voluntariado e o activismo: por que as persoas facemos o que facemos? - a incoherencia da sociedade.

9 de marzo, sábado, pola mañá – Asemblea XX Aniversario, daráselle visibilidade ao traballo feito para mellorar a transparencia e bo goberno da asociación; e pola tarde – Eventos XX Aniversario


Mediados de marzo: formación PCR


Semana Santa/Abril: formación en Comunicación para o cambio social e o uso dos espazos colaborativos ou no seu defecto formación sobre creatividade aplicada á sensibilización e comunicación para o cambio social.

Xuño: formación en orzamentos e xestión económica de proxectos

Novembro, na Xuntanza: formación sobre creatividade aplicada á sensibilización e comunicación para o cambio social.



Uso da wiki
 
Unha idea para mellorar o seguimento/comunicación interna/formación etc. é facer itinerarios formativos na wiki. Hai moitos que están moi avanzados (Tesourería, Proxectos Internacionais...) pero outros están moi verdes (voluntariado, XD...) e desde logo esta actividade é transversal a todos os grupos! Así que animamos a todos os grupos e vocalías a incluir a mellora da wiki como parte da súa actividade!!! :) En concreto, como grupo de Xunta Directiva temos pendentes subir as actas de 2012.


TOMANDO DECISIÓNS 

Políticas de indicadores 

Na última reunión de fin de ano aprobáronse as seguintes:
    Política de colaboración con empresas
    Política de compras
    Política de inversións financeiras
    Política de selección de persoal contratado  
A redacción e aprobación destas políticas forman parte dos esforzos da asociación por mellorar a transparencia e bo goberno. Un informe interno con todo o traballo feito neste ámbito deberá ser enviado á CGONGD a principios de xaneiro. Ademais, a Federación deberá presentar na CONGDE un único informe realizado por unha auditoría recompilando todo o traballo feito ata agora polas diferentes ISF en temas de transparencia e bo goberno. O ano 2013 o proceso deberá estar rematado e a Federación deberá superar unha auditoría única.

As políticas subiranse á wiki como documentación a ratificar na próxima Asemblea. Cando estean ratificadas subiranse á web.


Poder de representatividade de ESF Galicia en Honduras

Aprobouse a favor de Cristina Sesto, a nosa nova persoa expatriada en Honduras.  Benvida!

Reunión de fin de ano


Outros temas tratados nesta última reunión foron: 

- Seguimento da Planificación Estratéxica: débese sistematizar para todas as reunións no 2013. Unha idea é traballar na elaboración dunha “plantilla” que se cubra coa información que proporcionen as vocalías/cargos estatutarios.

- Organización do XX Aniversario: debe comezar a moverse a comisión de festas para o establecemento de contactos con persoas socias, antigas persoas voluntarias, etc. O contacto farase vía email/teléfono. Tamén publicarase na web un tempo antes un comunicado e previamente pode que se fagan entradas no blogue anunciando “a que se avecina” pero sen descubrir todos os detalles. A data é 9 de marzo en Santiago de Compostela. Convocarase a Asemblea Xeral o sábado pola mañá e pola tarde organizaranse eventos lúdico-festivos en torno ao XX Aniversario.

- Renovación de cargos en Xunta Directiva de ESF Galicia: en marzo renóvanse vocalía de PICD, vocalía de EpD e vocalía de Voluntariado. O proceso transcorre con normalidade/éxito, a pesares de que a vocalía de Voluntariado aínda busca unha persoa candidata. Na reunión propóñense posibles estratexias. 

- Federación: na próxima Asemblea Federal o 2 de marzo en Madrid deberá renovarse Presidencia, Vicepresidencia e Secretaría. De todas formas, o importante non é que se sustitúan cargos, senón que se renova a Xunta Federal en bloque, aínda que haia persoas que sigan. A transmisión de cargos é sempre un problema en xeral nas asociacións – é un proceso ao que quizais debería prestárselle máis atención en Xunta Federal – insistindo aínda máis no sondeo a persoas concretas. Á Xunta Federal cústalle moito máis que a unha ISF atopar relevo porque non hai unha asociación coa que traballe, senón que é a suma de todas. Por iso todas as ISF deben aportar o seu grao de area nestes procesmos. Pensamos ademais que a Federación, inclusive a Xunta Federal necesita reinventarse un pouco – a estrutura, a forma de traballar... a maioría dos grupos federais deberían traballar máis en rede, quizais estender a figura de voluntariado federal.  O debate debe penetrar máis aínda en ESF Galicia. Para isto é importante ter a acta da última Asemblea de novembro canto antes rematada. Enviarase o borrador existente á lista. Por outra banda, coméntase que o obradoiro do domingo na última Xuntanza sobre o debate Federal non foi tan produtivo como se quixera. Desaconséllase tratar temas tan profundos os días despois de vertebracións. 
 

20 feb 2013

Obradoiros Prácticos en Tecnoloxías Apropiadas en Santiago de Compostela

     Se Enxeñería Sen Fronteiras nos definimos como unha asociación independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado, que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria mediante a Cooperación para o Desenvolvemento e poñendo a Tecnoloxía ao servizo do Desenvolvemento Humano, a tecnoloxía,  é un concepto clave. Pero entendida nun senso amplo e fuxindo dos seus usos máis frecuentes asociado a aparatos, maquinaria ou a novas tecnoloxías. E, asimilándoa a un conxunto de coñecementos, unha forma de pensar, de solucionar as dificultades que se nos presentan.
      Tendo en conta que a tecnoloxía está presente en cualquera actividade humana hoxe en día, é un dos medios para contribuir ao seu desenvolvemento, pero dun xeito sostible e proporcionando novas capacidades. De aí xurde o plantexamento destes obradoiros para estimular o pensamento crítico e concienciar sobre a problemática dos residuos, a reciclaxe e o emprego doutro tipo de enerxías. Así, a través dunha metodoloxía participativa e co emprego dunha serie de técnicas e ferramentas prácticas preténdese a implicación tanto a nivel personal como colectiva das persoas participantes e xerar maior conciencia acerca da importancia das nosas accións e os impactos que estas xeran.

      No primeiro obradoiro levarase a cabo a construcción de fornos solares caseiros empregando como material base, entre outros, simples caixas de cartón. No segundo explicarase a posibilidade de empregar aceite usado doméstico como biodiesel, mesturándoo con combustible convencional para conseguir non só un importante aforro económico senon unha diminución do seu impacto ambiental. E xa por último, levarase a cabo un obradoiro de cosméticos a través do emprego e reciclaxe de productos naturais.

      As actividades están a abertas a todo o público en xeral.

             Obradoiros prácticos de Tecnoloxia Apropiada

             1º Obradoiro: como realizar un forno solar caseiro.
             Mercores 27 de febreiro
             19 horas
             Aula de proxectos, ETSE (Campus Vida)
             Santiago de Compostela
         
  (O material necesario será proporcionado no mesmo obradoiro)

19 feb 2013

ESF Galicia convoca 4 prazas de PCR (Programa de Coñecemento da Realidade) - 2013




Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF Galicia) abre o prazo de convocatoria para o Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) 2013.
O PCR consiste na formación específica das persoas participantes no coñecemento da realidade concreta dos países nos que traballamos, co fin de fortalecer o seu pensamento crítico e a súa capacidade e criterios de actuación.
As persoas seleccionadas se converterán en persoas voluntarias de ESF e participarán no día a día da asociación, contribuíndo ao seu crecemento persoal e social Inclúense unha estancia de curta duración, entre dous e tres meses (aínda que poderían estudarse duracións maiores), en Honduras para coñecer e copratir as condicións de vida das comunidades coas que ESF e a nosas organizacións e institucións socias locais colaboramos.

Na nosa páxina web [1]  tes as bases da convocatoria.

As persoas interesadas deben enviar ao enderezo de correo info@galicia.isf.es os seguintes documentos:
  • Un breve CV cos datos máis relevantes para a praza (en formato PDF).
  • Unha carta de motivación (tamén en formato PDF).

Deberanse enviar tantos correos electrónicos como prazas diferentes ás que se queira optar, indicando no asunto o nome da praza correspondente, a saber: PCR – Auga, PCR – Desenvolvemento Rural.
As solicitudes que non inclúan ambos documentos non entrarán no proceso de selección.
A data límite para a presentación de solicitudes é o 10 de marzo do 2013, ás 12 da noite.

Se tes algunha dúbida sobre o concepto de PCR, a filosofía de ESF, a convocatoria ou a túa solicitude podes contactar con: info@galicia.isf.es


14 feb 2013

I Encontro Galego sobre o Impacto da Minería

Teo acollerá esta fin de semana o I Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría

Varias organizacións sociais de diversos ámbitos (ecoloxistas, agrarias, colectivos de oposición ás minas...) organizan este sábado, 16 de febreiro, o primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría. O obxectivo desta xornada é compartir distintas visións ao redor dunha problemática que está a medrar de xeito exponencial na Galiza nos últimos anos: a concesión de licencias para a explotación mineira de terras, prevalecendo os intereses empresariais duns poucos, a costa dun impacto irreparable nos usos de eidos (forestais, agrícolas, sociais, medioambientais, infraestruturas...) que afecta a miles de persoas. De Bergantiños á Limia, da Terra Chá ao Xallas, a ameaza das minas afecta cada vez a máis bisbarras galegas, polo que urxe unha resposta unitaria e coherente para facerlle fronte que se tentará definir este sábado.
O primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría terá lugar no Hotel Congreso de Teo baixo a seguinte programación:

09:00 – 10:00: “A compatibilidade ou prevalencia de usos e os dereitos mineiros”

  • Alba Nogueira. Universidade de Santiago de Compostela (USC).

10:00 – 11:45: “O Impacto da minaría no medioambiente”

  • Serafín González. Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
  • Xoán Ramón Vidal-Romaní. Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, UDC.
  • Emilio Menéndez Pérez. Enxeñería de Minas.

11:45 – 12:15: Descanso.

12:15 – 13:30: “O impacto da minaría no tecido socioeconómico”

  • Xoán R. Doldán. USC.
  • Isabel Vilalba. Sindicato Labrego Galego.

13:30 – 16:00: Xantar.

16:00 – 19:00: Dinámica de intercambio de experiencias entre colectivos.

19:30 – 21:00: Proposta de creación e xestión de rede de colectivos.

Agardando que este evento sexa do seu interese e lle dea a máxima difusión, reciba un cordial saúdo dende a organización. Se desexan máis información, poden contactar con:

Margarida Prieto Ledo no 659 985 308
ou visitar www.mineriagalicia.org

Actividade promovida por: 
Coa colaboración de: 


5 feb 2013

Resumo blogueiro mensual: xaneiro 2013

CONTIDOS

  • Blogue de Vida  Asociativa 
  • Blogue Honduras 
  • Enlaces de interese 
  • Publicacións en físico 
  • E no próximo mes ... 
  • A ESFrase do mes 


BLOGUE DE VIDA ASOCIATIVA


Comezou o ano 2013 coas reflexións dos nosos socios locais dende Honduras tras coñecerse a supresión das axudas a novos programas internacionais de cooparación por parte da Xunta de Galicia: as razóns da Alcaldía de Marcovia (Honduras) e as razóns de CODDEFFAGOLF (Honduras). O 18 de xaneiro tivo lugar en Compostela o Faladoiro: minaría, residuos e territorio en colaboración con Verdegaia, a Asociación Socio-Cultural "O Iribio" e a Asociación pola Defensa da Ría de Arousa. Este primeiro mes do ano é moi introspectivo e continuando no mesmo eido tamén tivemos o seguinte aporte: As razóns das I Xornadas de Voluntariado de Cooperación para o desenvolvemento e a difusión do Cartaz e nota de prensa Xornadas Voluntariado de cooperación para o desenvolvemento, que xa se realizou (e do que pronto teremos crónica).O sábado, 19 de xaneiro tivo lugar a Asemblea Xeral da Asociación Fiare Galiza, onde ESF estivo representada por un dos seus colaboradores que nola resumiude xeito moi didáctico Banca Ética. Asociación Fiare Galiza. E por último pero non por elo menos importante, neste ano 2013 ESF Galicia cumpre 20 anos!!! Baixo epígrafe: XX Aniversario: quentando motores... podemos ver distintas actividades e propostas a realizar o 9 de marzal co gallo de tan honorable momento.




BLOGUE HONDURAS

En Honduras no mes de xaneiro, tralo parón navideño, aproveitamos para facer o resumo do que será o traballo de ESF e os seus socios locais no eido da auga e saneamento neste ano que comeza, describindo máis polo miúdo o novo proxecto en Marcovia apoiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade




ENLACES DE INTERESE


Auga


Comunicación para o (como) desenvolvemento


Consumo responsable


Cooperación e ONGD



Educación para o desenvolvemento


Iniciativas


Investigación para o desenvolvemento 



Mundo


Políticas e modelos de desenvolvemento

 

Sensibilización


Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural


Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)


Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


Voluntariado





PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións disponibles xa catalogadas

Este mes:
  • Guía de ONGD de Galicia 2012-2013 da Coordinadora Galega de ONGD.




E NO PRÓXIMO MES ...



Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria da Coordinadora Galega de ONGD



A ESF-RASE DO MES

Que comprarás mellor do que vendes?
Omar Jayyam