6 abr 2015

Crónica IX Foro Por un Mundo Rural Vivo (2)

Segunda parte da crónica

Na tarde do sábado máis persoas compartiron tamén a súa experiencia en pobos que se poden considerar integramente ecolóxicos e onde se persegue unha forma de vida acorde ao concepto de soberanía, no seu sentido máis auténtico, na alimentación, na educación ou na xestión. Dora Cabaleiro é integrante da Cooperativa Ribeira do Navia, na parroquia de Ernes (Negueira de Muñiz, Lugo); comercializan ou trocan os seus produtos en mercados de Galicia e o occidente asturiano. Cristina Sancho é produtora de polo ecolóxico en Amayuelas de Abajo (Palencia), e relatou as dificultades técnicas e administrativas que atoparon para sacar adiante un proxecto tan innovador, que incluíse poder vender directamente ás consumidoras e aos consumidores, pero lograron poñer en funcionamento o seu propio matadoiro avícola ecolóxico e dar así saída a toda a produción desta comarca de Tierra de Campos, apropiándose do ciclo produtivo completo. José Cófreces reside en Tronceda (Castro Caldelas, Ourense), un pobo abandonado que hai uns 20 anos comezou pouco a pouco un proceso de repoboación, e hoxe está integrado por persoas de nacionalidades diversas ás que lles move a experimentación: bioconstrución, gando caprino, horticultura ecolóxica, apicultura ou diversas actividades comunitarias, como xuntanzas, talleres de ioga, limpeza de camiños...
Contamos ademais coa presenza de Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, entidade co-organizadora do Foro, que presentou algúns datos da situación da agrogandeiría en Galicia, onde algo máis do 4% da poboación activa pertence ao sector agrario, con explotacións que ocupan en torno ao 30% da superficie total do territorio. Lembrounos a eterna e infanda crise do sector leiteiro na nosa Comunidade, onde os gandeiros e as gandeiras están a vender o litro de leite a un prezo medio de 0,32 € na actualidade (por baixo do custo de produción), e con 130.000 explotacións pechadas desde os anos 90.
Así que benvidas sexan todas as iniciativas que supoñan crear vínculos de confianza e empatía entre a produción e o consumo, a compra de produtos locais e de tempada e os circuítos curtos de comercialización. Rendibilidade e emprego son posibles baixo este tipo de modelos, como evidencian outros proxectos tamén mostrados no Foro: Extiercol, agricultura ecolóxica en terreo público (Cuevas del Becerro, Málaga); os grupos de consumo lucenses As Grelas e Bandullo Ecolóxico; o mercado semanal de Teo, activo espazo de encontro entre productores/as e consumidores/as, ou a Cooperativa A Sazón, de froita e marmeladas ecolóxicas.
Experiencias sábado tarde
Mesas de debate
No plano político, houbo tempo tamén para coñecer a historia das CUP: Josep Plasencia falou do nacemento desta Organización a finais dos anos 70, como exemplo de novas prácticas políticas nas que as metodoloxías son 100% participativas e democráticas. E Tom Kucharz, de Ecologistas en Acción, ofreceu unhas pinceladas do que significaría a aprobación do Acordo Transatlántico de Libre Comercio (TTIP) para os dereitos campesiños e a soberanía alimentaria: fixo un chamamento para dar a máxima difusión a todo o que está ocorrendo arredor destas negociacións.
A tarde do sábado finalizou con unha serie de reunións en mesas de debate rotativas coa idea de xerar propostas de acción en 4 áreas de traballo transversais: mocidade, xénero, bens comúns e participación e democracia directa. As principais proposicións quedaron plasmadas, xunto con unha reflexión xeral, nun documento de Conclusións do IX Foro por un Mundo Rural Vivo, difundido semanas despois.
MST
E, xa á noitiña, tivemos a fermosa oportunidade de coñecer de cerca a dous representantes do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), paradigma da loita campesiña a nivel mundial. Zé Roberto da Silva e Rosa Oliveira fixeron unha atractiva síntese das políticas agrarias no Brasil durante as últimas 3 décadas, aportando interesantes datos. Como que durante o goberno neoliberal do Enrique Cardoso, nos anos 90, o 86% do crédito agrícola foi acaparado por empresas do agronegocio nas que, sen embargo, só estaba empregada o 26% da man de obra agraria do país. Ou as investigacións que poden permitir relacionar os casos de cancro co consumo de alimentos contaminados con agrotóxicos. As mudanzas estruturais que supuxo o “goberno Lula” introduciron por exemplo unha Lei que estableceu a obriga de que o 30% do orzamento para abastecemento público de alimentos (escolas, poboación acollida a Programas de axuda alimentar...) se destinase a compra na agricultura familiar local. Sen embargo, a partir do 2008, segundo palabras do Zé, medrou enormemente a velocidade de invasión e apropiación de recursos por parte do capital: calcúlase que as multinacionais gastaron, na última formación de Goberno, 1 billón de € para colocar aos seus deputados e senadores afíns no Parlamento, manobras que están permitidas pola lexislación. Ao tempo, continúan resistindo no Brasil 4 millóns de camponeses sen terra. A Rosa describiu as ocupacións de terras, que o MST adoita exercer como accións máis representativas do seu Movemento de resistencia, como unha das experiencias máis marabillosas que se poden ter na vida.
Batuko Tabanka
Mercado
A xornada do sábado rematou con queimada e música de diversas culturas: as pandeireteiras do grupo Alesancia de Ribadeo, as mulleres burelenses de orixe caboverdiana Batuko Tabanka (certamente emocionante observalas tocar e bailar enchoupadas das súas raíces), a guitarra do músico e compositor valenciano Tomás de los Santos, que cantou e nos fixo cantar a todas, e tamén o mesmo Zé Roberto do MST, con quen gozamos, tamén a ritmo de guitarra, da música tradicional brasileira con letras que reivindican a loita por unha reforma agraria que respecte os dereitos e a dignidade de quen traballa.
E para poñer o punto e aparte a unha fin de semana ben completa, o domingo pola mañá tivemos mercado de produtos agrarios na praza do Concello de Mondoñedo, onde o campesiñado participante no Foro tivo a oportunidade de vender as súas froitas, hortalizas e diversos elaborados nun ambiente amable e festivo. Alí mesmo se fixo un acto de rúa no que se deu lectura ás conclusións deste IX Foro e se emprazou a todo o mundo para a próxima cita: a décima edición que terá lugar en 2016 (as citas son bianuais) na Venta de las Contreras, en pleno parque natural de Las Hoces del Cabriel, comarca de La Manchuela (Cuenca).

 

Foto de grupo

Por Isabel Somoza Alonso 

   Enlaces relacionados



No hay comentarios: