4 mar 2015

Propostas de ESF Galicia para os programas dos partidos nas municipais

Integrándoas con moitas outras propostas, este ano dende ESF Galicia, ademais de compartir as demandas do sector da cooperación para o desenvolvemento para que se recoñeza, tamén nas administracións locais, como unha política pública, centrámonos moito máis nas propostas transversais (ou sexa, o 99,3% do orzamento que non sería para esta política pública de cooperación se chegáramos ao 0,7%).
A defensa dos dereitos humanos non ten fronteiras. Nin nacionais, nin entre niveles de goberno, nin, por descontado, entre departamentos xestores de políticas públicas. Tan importante é a defensa dos dereitos dende a Concellería/Consellería/Ministerio de Servizos Sociais como dende Interior, Xustiza, Defensa, Medio Ambiente, Infraestruturas ou Relacións Exteriores (por non dicir Sanidade ou Educación). Isto é o que chamamos "coherencia de políticas".

Así que, aquí podedes ver as propostas de ESF, que se integraron nas propostas do sector galego das organizacións que traballamos polo desenvolvemento das persoas e os Dereitos Humanos en todo o mundo organizadas na Coordinadora Galega de ONGD (pronto veredes todas as propostas do sector).
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------


1. Dentro das directrices para loitar de forma efectiva contra o cambio climático:

  • promover o concepto de espazos para as persoas, con modelos de planificación urbanístico que devolvan o espazo público ás persoas
  • facilitar ordenanzas para redución do tráfico
  • promover espazos peonís na cidade
  • promover o transporte público e/ou colectivo e os medios de transporte máis sustentables como a bicicleta ou o desprazamento a pé
  • promover experiencias en bioconstrución con materiais locais para mobiliario urbano e outras construcións
  • reducir a xeración de residuos a través da concienciación da cidadanía en materia de redución, reciclaxe e reutilización de residuos.
  • adoptar sistemas de xestión dos residuos para reducir a compoñente de incineración con puntos comarcais de valorización e reciclaxe, a promoción da compostaxe caseira, etc. Tamén coa posta en marcha de campañas de sensibilización e con medidas correctoras na recollida municipal do lixo que faciliten ese cambio de modelo de xestión.

2. En aplicación do dereito humano á auga, pedimos a implementación da xestión do subministro con criterios de calidade, equidade social nas políticas tarifarias, boa gobernanza e transparencia. Para iso, resulta fundamental garantir:

  • Unha dotación mínima (no contexto mundial está entre 60 e 100 litros por persoa e día) e o compromiso de non cortar o subministro en caso de que se dean casos de impagos xustificados socialmente.
  • Como en calquera servizo básico, non lle chega con asegurar o acceso. É preciso promover novas formas de control social e de democracia participativa que garantan transparencia e participación cidadá efectiva e proactiva, tal e como estableceu á Convención de Aarhus, trasposta á normativa europea pola Directiva 2003/35/CE, de 26 de maio de 2003, e á normativa española pola Lei 27/2006, de 18 de xullo, reguladora dos “dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente”. No eido da auga, consideramos que a administración local ten un papel principal na boa gobernanza e transparencia.
  • Establecemento dunha batería de indicadores significativos para os distintos ámbitos da xestión (técnicos, financeiros, sociais, ambientais, patrimoniais), accesibles a través de internet, comprensibles para a cidadanía e que se cumpran sexa quen sexa o provedor de servizos (empresas públicas, mixtas ou privadas). 
     
  • Compromiso de impulsar campañas de fomento da auga de "billa" e de consideración da auga embotellada como unha opción de consumo a través de información sobre os impactos ecolóxicos relacionados. Farase a través de iniciativas de información públicas de consumo de auga de billa e de bos hábitos no uso da auga; dun maior esforzo para garantir a calidade da auga; da utilización da auga da billa en centros públicos e, por defecto, en actos públicos da administración local; e da mellora das redes de fontes públicas de auga potable.

3. No eido das tecnoloxías de información e comunicación (TIC), consideramos que o software libre debe ter un papel predominante nas estruturas TIC das administracións locais. Para iso, se elaborarán plans de soberanía dixital municipal onde se contemple a progresiva implantación de software libre nos equipos de xestión das administracións, acompañadas de formacións e actualización pertinentes ao persoal contratado. En 4 anos, se acadará polo menos un 50% de uso de software libre (incluíndo subcontratas de servizos TIC, mesmo aplicacións específicas para a administración en cuestión), o cal redundará no aforro en licenzas de programas privativos, ademais da redución da dependencia tecnolóxica da administración local. Tamén terá efecto sobre a potenciación do tecido local de empresas de servizos para o desenvolvemento e mantemento das infraestruturas TIC.

Ademais, todo software desenvolvido directamente por algún servizo dependente dos concellos, ou ben indirectamente a través dunha contrata, ten que ser de software libre. Deste xeito, as ferramentas informáticas desenvolvidas para as necesidades dos concellos son tamén postas a disposición da sociedade.

4. Na acceso á enerxía, outro dos servizos básicos para unha vida digna, compromiso coa erradicación da pobreza enerxética ante as normativas de carácter autonómico e nacional.

Promoveranse axudas compensatorias nesta liña nos casos de impago xustificado socialmente, tratando de eliminar os casos de corte de subministro eléctrico e de gas por razóns de vulnerabilidade social, especialmente nos casos de unidades familiares monoparentais e/ou con menores de idade. Ademais, incluirase nas posibles axudas a reformas e novas construcións (e nos pregos de condicións para obras da administración local) criterios de eficiencia enerxética (superando aos xa incluídos na lexislación vixente) e facilidades para o auto abastecemento enerxético a baixa escala a partir de tecnoloxías que xa existen coa promoción de axudas e ordenanzas reguladoras correspondentes explorando os límites que permiten as leis.

Tamén se promoverá o “asociacionismo enerxético” como poden ser as cooperativas de consumo de enerxías renovables (promovendo que as propias institucións da administración local participen nelas). Levaranse a cabo campañas de consumo responsable de enerxía nas propias institucións, mediante boas prácticas. Ademáis, traballarase para declarar ao concello “100% autosuficiente enerxicamente” (cando se produce máis da que se consume) e, idealmente, “concello 100% autosuficiente de enerxías renovables”. Todo isto respectando escrupulosamente a planificación urbanística correspondente ás zonas sensibles a determinados tipos de infraestruturas de xeración de enerxía.
 
5. Promocionar ordenanzas a prol de circuítos curtos de comercialización para produtos alimentarios locais, especialmente artesanais e ecolóxicos; patrocinar o consumo consciente, sá e de proximidade. Apoio a través de formacións e obradoiros a persoas produtoras locais sobre algúns condicionantes de seguridade alimentaria e etiquetaxe dados pola lexislación actual, que está de costas a este tipo de produtos.

6. Declaración de concello libre de transxénicos. O concello rexeitará que se experimente e se cultiven este tipo de cultivos nos seus terreos. Actualmente, son unhas poucas empresas multinacionais as que se benefician da industria da manipulación xenética de alimentos, de xeito que se promove un modelo de desenvolvemento económico non baseado no beneficio social e ambiental. Este tipo de cultivos, que contan con sementes con patente, interactúan co resto de cultivos (e das persoas) sen que se coñezan as consecuencias do seu cultivo e consumo na saúde dos corpos e da terra.

Ademais, o concello promoverá e facilitará a produción de variedades endóxenas (con feiras de sementes, formacións a labregos e labregas e/ou convenios con centros de investigación como a Misión Biolóxica de Galicia).

7. Promoción de actividades de cara a formación de cidadanía crítica e responsable. Para iso poñeranse en valor as infraestruturas (moitas delas moi pouco utilizadas durante gran parte do tempo, como pavillóns, centros socioculturais, teleclubes, bibliotecas, casas do pobo ou outras construcións de propiedade da administración local) para desenvolver actividades que estimulen a reflexión, a crítica, a creatividade, o "faino ti mesm@". Tamén se facilitará o asociacionismo.

8. Promoción do acceso aberto e a transparencia radical en datos públicos, con acceso sinxelo tamén a datos de estatísticas municipais (incluíndo datos en bruto que facilite a elaboración de investigacións), sen esquecer a facilidade de acceso para persoas con discapacidade (páxinas web que cumpran os estándares para persoas con problemas de visión, e posibilidade de acceso para persoas cegas con “lectores de pantalla”).


9. Recuperar as iniciativas municipais de Internet sen cables que asegure un mínimo acceso á rede a toda a veciñanza. Tamé se participará nos grupos de negociación e presión coas operadoras para pechar a fenda dixital en Galicia (incluíndo iniciativas de redes alternativas). É especialmente importante a promoción da alfabetización dixital da cidadanía, no que tamén ten un papel importante a administración local.

No hay comentarios: